A Xunta participa na inauguración da exposición de Manolo Paz na Praza do Obradoiro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiron á inauguración da mostra composta por cinco grandes estruturas que estarán localizadas en lugares estratéxicos da cidade

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiron esta tarde á inauguración da exposición A distancia que une de Manolo Paz, na praza do Obradoiro.

 A mostra componse de cinco grandes esculturas que se localizarán en lugares estratéxicos e de gran significado para a cidade de Santiago. A primeira, a escultura "Bolboreta", realizada con bloques de granito, poderá apreciarse na praza do Obradoiro. "Menhir", realizada en pedra será instalada no parque da Alameda. "Diálogo" na entrada do Museo do Pobo Galego e do CGAC. A pouca distancia, o parque de Bonaval acollerá a peza "Transparencias", en ferro pintado. Por último, na Cidade da Cultura poderá visitarse o conxunto escultórico en pedra "Espellos do Camiño".

Manolo Paz é un dos escultores máis singulares do panorama artístico. O seu traballo transformou paisaxes desde a súa Cambados natal ata Xapón, país hermanado polos camiño de Wakayama, Shikoku; ademais está instalado en espazos urbanos de cidades como Bruxelas, Stuttgart ou Chicago.

“Grazas a esta exposición, podemos apreciar as obras do artista galego mentres percorremos os lugares máis emblemáticos da cidade cun conxunto de cinco estruturas que quedan integradas na espectacularidade da paisaxe arquitectónica, estando as obras situadas entre a Cidade da Cultura e o casco histórico de Santiago de Compostela”, indicou a directora xeral de Turismo.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, sinalou a importancia de que un artista “de proxección internacional como Manolo Paz escolla as rúas da capital galega para expoñer o seu proxecto expositivo facilitando que tanto os galegos como os visitantes poidamos gozar da súa arte e creatividade”.