A Xunta de Galicia apela a estar preprados e a traballar de xeito conxunto ante a etapa de cambios que se está a vivir

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, pechou esta tarde na Toxa o encontro Galicia’s Leadership & Innovation Day

Galicia traballa para anticiparse, na medida das súas competencias, e poder axudar ao benestar das familias e á competitividade empresarial
 

 

O Grove (Pontevedra), 15 de xullo de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, pechou esta tarde na Toxa o encontro Galicia’s Leadership & Innovation Day, impulsado polo Centro de Estudios Universitarios de Galicia (Cesuga) ao que agradeceu a súa iniciativa para abrir este espazo de debate.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico apelou a estar preparados ante o que poida vir e traballar de xeito conxunto para esperar o mellor desta etapa de cambios e transformacións que estamos vivindo.

 

En concreto, Galicia enfróntase a retos globais como a transición enerxética e dixital, con incertezas derivadas da inflación, da factura enerxética ou da suba de tipos. Un escenario que require de reflexión e, sobre todo, da colaboración público-privada para afrontar esta situación desde a eficiencia na xestión tanto política como empresarial. Neste sentido, a Xunta de Galicia traballa para anticiparse, na medida das súas competencias, e poder axudar ao benestar das familias e á competitividade empresarial.

 

Así, ofrece rebaixas de impostos de titularidade autonómica, gratuidade na educación infantil, axudas para aliviar as facturas de gas e luz nos fogares máis vulnerables e para apoiar proxectos de aforro enerxético. Ademais conta cunha Axenda Financeira que mobilizará 400M€ en investimento público-privado.