O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o director da Axencia Galega da Industria Forestal participaron nunha mesa sobre o emprego rural na illa da Toxa

A Xunta pon en valor o potencial do sector forestal galego para lograr un territorio cohesionado, rendible e comprometido coa sustentabilidade

Os directores destacaron que -de cara ao ano 2024- se persegue acadar os 25.000 empregos directos e os 2.700 millóns de euros de facturación no sector, cun volume de 10.900 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira

Coa vista posta nos obxectivos do Plan Forestal 2021-2040 e da Lei de recuperación da terra, celebraron a posta en marcha de aldeas modelo, polígonos agroforestais ou agrupacións de xestión conxunta que impulsan as frondosas e a xestión forestal activa

Tamén puxeron de relevo as vantaxes da dixitalización -ben para simplificar trámites, ben para aportar valor engadido aos produtos-, así como o Inventario forestal continuo do que neste segundo semestre se coñecerán datos a nivel galego

 

O Grove (Pontevedra), 15 de xullo de 2022.- O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Abola, puxeron hoxe en valor o potencial do sector forestal galego para acadar un territorio cohesionado socialmente, rendible economicamente e comprometido desde o punto de vista medioambiental. Foi nunha mesa sobre o emprego da Galicia rural como xerador de riqueza, que se celebrou no marco do Encontro: Galicia’s Leadership & Innovation Day, que ten lugar hoxe e mañá na illa da Toxa.

 

Na súa intervención, os representantes da Consellería do Medio Rural sinalaron que o Goberno galego persegue acadar -de cara ao ano 2024- os 25.000 empregos directos e os 2.700 millóns de euros de facturación no sector forestal, cun volume de 10.900 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira. Un incremento que viría consolidar máis aínda, segundo dixo, este eido que xa aglutina na actualidade a metade das cortas de España.

 

Mostra do compromiso da Xunta co sector, apuntaron, é a creación en 2018 da Dirección Xeral de Planificación de Ordenación Forestal para centrarse na mellora dos recursos forestais e, agora, na incorporación da Axencia Galega da Industria Forestal á Consellería do Medio Rural, para culminar a estratexia no seo deste departamento coa valorización do produto. 

 

Como folla de ruta desa estratexia, segundo afirmaron, atópase o Plan Forestal 2021-2040, con 20 obxectivos programáticos, 51 liñas de accións e 73 indicadores de avaliación. Tamén con seis obxectivos estratéxicos, relacionados cos servizos ecosistémicos, co cambio climático, coa loita contra o abandono, coa xestión sustentable, coa formación e I+D+i e coa gobernanza. Para guiar precisamente as accións desta 1ª revisión do Plan Forestal, engadiron, serán fundamentais ferramentas como o Inventario forestal continuo, do que neste segundo semestre se coñecerán datos a nivel galego.

 

Canto á Lei de recuperación da terra agraria, ambos directores celebraron a posta en marcha de aldeas modelo, polígonos agroforestais ou agrupacións de xestión conxunta que impulsan as frondosas, a recuperación dos soutos e a xestión forestal activa.

 

Os representantes de Medio Rural lembraron que a Consellería lanzou hai tres anos unha Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que xa posibilita que todas as solicitudes de aproveitamentos forestais estean hoxe en día dixitalizadas. Asemade, as poxas de madeira en montes xestionados pola Xunta son 100% electrónicas e, incluso, xa existen empresas forestais en Galicia consumindo os servizos web fornecidos pola Consellería do Medio Rural, incluída a nova aplicación Fortra para que poidan informar a través dun código QR das características dos seus produtos elaborados a partir de madeira, incorporando a súa pegada de carbono, así como o bosque do que proceden e as operacións de transformación que foron necesarias para a súa elaboración.

 

Mirando ao futuro, quixeron poñer en valor o Polo forestal proxectado en Palas de Rei, unha iniciativa estratéxica de 750 millóns de euros de investimento e 2.500 empregos directos e indirectos liderada por Altri, que pode situar Galicia como referencia na xeración de materiais de futuro, como as fibras téxtiles. Asemade, confiaron na madeira como material puxante na construción, tal e como o está a demostrar a Xunta -dixeron- empregándoa en obras como os novos centros de saúde.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural