A Xunta promocionará a calidade dos produtos galegos na 99ª edición do festival de Cornualles

Unha serie de produtos con indicativo de calidade participarán nunha xornada sobre cultura gastronómica galega o próximo venres, que consistirá nunha conferencia e nunha cata

 Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará este venres 22 de xullo no 99º Festival de Cornualles, que se celebrará na cidade francesa de Quimper, a través dunha conferencia e unha cata sobre varios dos produtos galegos con indicativos de calidade, como clausura das xornadas sobre lingua e cultura galegas que se celebrarán no propio festival.

 

Este evento constará de dúas partes. Primeiro haberá unha conferencia acerca dos produtos culinarios galegos, a súa excelente calidade e as diferentes características de Galicia neste eido. Mentres, na segunda parte organizarase unha cata de varios destes produtos preparados especialmente para a ocasión.

 

Entre os alimentos e produtos que serán ofrecidos aos asistentes estarán os queixos con denominación de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa, as indicacións xeográficas protexidas (IXP) Grelos de Galicia, Faba de Lourenzá e Tarta de Santiago, os viños con denominación de orixe Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; e as Augardentes e Licores Tradicionais con indicación xeográfica da nosa comunidade. Ademais, o evento contará con Carlos López Martínez, profesor de cociña e pastelería na Escola de Hostelería do IES Vilamarín, que colaborará nas presentacións.

 

A organización prevé que asistan, ademais duns 60 participantes directos, o público do festival e das súas entidades organizadoras, como son a Universidade de Bretaña Occidental e a asociación cultural Tiar Vro Quimper.