O presidente da Xunta interveu na entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Jaime Borrás

Rueda sinala a combinación de estabilidade, certezas e moderación de Galicia como un modelo idóneo e necesario para encarar o novo escenario económico

Atribúe a esta receita á forza que amosa a economía galega con récord de exportacións, un crecemento do 18,2% do PIB per cápita ou ser a CC.AA menos endebedada
 

Apunta os empresarios como “interlocutores fundamentais” para cuestións relevantes para Galicia ante o complexo escenario que se prevé, como “facer entender” que os Next Generation deben executarse “canto antes” ou a importancia de que Galicia xestione o seu litoral
 

Vigo, 15 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe a combinación de “estabilidade, certezas e moderación” de Galicia como un modelo “idóneo e necesario” para encarar o complexo escenario económico que se prevé.

 

“Galicia non vai renunciar a esa combinación nin deixar defendela como un modelo idóneo e necesario ante o vindeiro horizonte”, advertiu o máximo mandatario galego na entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Jaime Borrás, fundador e presidente executivo de BVC Artai e do que gabou a súa traxectoria exitosa que avalan esta “merecida” distinción.

 

Na súa intervención durante o acto, Rueda incidiu en que esta fórmula foi a que fixo facer fronte a unha crise, a unha recuperación e unha pandemia e foi tamén a que está detrás de que Galicia batese récord de exportacións en 2021; medrase un 18,2% o seu PIB per cápita desde 2009; ser a CC.AA que menos se endebedou; e acadar o mellor dato de paro en xuño da súa serie histórica.

 

Todos estes datos foron esgrimidos polo presidente da Xunta como “claves” da “forza” que amosa a economía de Galicia, no que considerou que ten un papel importante o feito de que o Goberno galego considera os empresarios como “interlocutores fundamentais”.

 
Apoio ante o reparto dos Next Generation ou xestión do litoral

Para avalar esta cooperación, lembrou que desde a Xunta lévase toda a semana falando “moi en serio” cos empresarios. En concreto, apuntou como desde a Administración galega se lles pediu o apoio para “conseguir facer entender” que os Next Generation son unha “oportunidade” e que deben ser aproveitados “agora” e executalos “canto antes”, xa que incidiu en que, de retrasar o seu reparto, pode ser “tarde” para eses grandes proxectos que “queren traer capital a Galicia e xerar postos de traballo”

 

Na mesma liña situou a ferramenta tecnolóxica presentada esta semana pola Xunta aos empresarios para axudarlles a atopar persoal cualificado e tamén o apoio que se lle solicitou para conseguir a xestión para Galicia das competencias en Costa. “Precisamos xestionar con seguridade o noso litoral. É posible e por iso pedimos o apoio dos primeiros interesados”, aseverou o presidente.

 

E nesta dirección de colaboración e entendemento co tecido empresarial galego, destacou a nova liña de axuda do Goberno galego, aprobada onte no Consello da Xunta, cunha partida de 15 millóns de euros para centros de fabricación avanzada.

 

“Estamos a comprobar que as cousas funcionan”, resumiu o presidente da Xunta en relación a como esta estreita colaboración se reflicte na situación económica de Galicia e que atribuíu tamén ao sentidiño, “marca da casa de Galicia e dos empresarios”, e tamén as persoas que están detrás dos proxectos empresarias.

 

“Cando nunha empresa hai persoas que poñen esforzo e talento ao servizo do crecemento económico, e non só da súa empresa, hai que recoñecelo e valoralo”, enfatizou Rueda, quen puxo como exemplo ao homenaxeado este ano coa Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia.

 
 

Jaime Borrás, representante do talento que hai en Galicia

Ao respecto sinalou a Jaime Borrás como “guía”, ao igual que moitos emprendedores galegos, para facer fronte aos novos desafíos que se presentan e erixiuno como “representante perfecto do enorme talento que hai en Galicia”. “Precisamos moitos máis”, subliñou ao tempo que amosou a “man tendida” da Administración galega para seguir nesta colaboración co tecido empresarial.

Imaxes relacionadas