As medidas retributivas que aprobará a Xunta para os profesionais sanitarios de Atención Primaria terán efecto retroactivo dende o un de xullo

Estas medidas acadaron un acordo unánime coas organización sindicais na Mesa Sectorial e buscan compensar o esforzo que este persoal vai ter que realizar ante a situación de déficit de profesionais, especialmente neste verán

Os profesionais que asuman parte da cota de pacientes dun compañeiro ausente mentres non se cubra a vacante deberán consultar durante 4 horas e media máis á semana e percibirán un recoñecemento de 12.000 euros ao ano por esa carga extra
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022

 O conxunto de medidas anunciadas polo Goberno galego con incentivos para aqueles profesionais de atención primaria que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente, ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade, van ter efecto retroactivo dende o 1 de xullo. Así o anunciou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.

 

Segundo indicou a directora, as medidas están a tramitarse para aprobar a normativa correspondente que as aplique, e serán aprobadas en Consello da Xunta este mesmo mes, para compensar todo o esforzo que o persoal sanitario de atención primaria galega vai ter que realizar, especialmente durante este verán, ante a situación de déficit de profesionais que afecta a toda España.

 

Recordou, tamén, que a Xunta está a pedir ao Goberno central que tome as medidas da súa competencia, e que son necesarias para poder contratar a máis profesionais. “O Executivo galego non ten máis marxe de actuación, ao cubrir o 100% das prazas formativas de medicina de familia acreditadas, duplicándoas nos últimos anos, e contratando ao 100% dos profesionais dispoñibles.

 

“Nin Galicia, nin Euskadi, nin Cataluña, nin Asturias nin ningunha outra comunidade autónoma pode contratar máis médicos para atención primaria, simplemente porque non os hai, e esa é unha situación na que a chave a ten o Goberno de España”.

 

Como a Xunta non pode ofrecer ao seu cadro de persoal máis profesionais cos que repartir o seu traballo, o Executivo galego comprometeu o que sí está na súa man, “compensar mellor este esforzo que temos que pedirlles”. A directora xeral remarcou que as medidas do Executivo galego se impulsaron co máximo diálogo coas organizacións sindicais, ata acadar un acordo unánime na Mesa Sectorial de Sanidade.

 

O problema actual da atención primaria non é de cartos, senón de falta de dispoñibilidade de persoal, e isto o demostra “os 100 millóns de euros máis que constan no capítulo de persoal de atención primaria deste ano con respecto aos orzamentos de 2009”, remarcou a responsable dos recursos humanos do Sergas.

 

Melloras acordadas

Entre as melloras acordadas, a directora sinalou que se incrementa o prezo das prolongacións de xornada que pode facer, de xeito voluntario, o persoal de medicina de familia, pediatría ou enfermería de atención primaria. O aumento da compensación por este esforzo será dun 10%. Así mesmo, a Xunta mellorará a compensación pola retribución que percibe un profesional sanitario cando asume pacientes dun compañeiro ausente, pasando de recibir o 70% das retribucións fixas do ausente ao 100%.

 

Ademais, ante situacións prolongadas no tempo de prazas vacantes acordouse coas organizacións sindicais un sistema denominado de acumulación de cota da praza vacante segundo o cal os pacientes que correspondían a esa praza que está vacante poden distribuírse entre o resto de persoal do centro que así o acepte, ata un máximo de 300 pacientes adicionais para cada un dos profesionais que participe nese reparto.

 

Estes profesionais que vexan incrementada a súa cota de pacientes mentres non se cubra a vacante deberán consultar durante catro horas e media máis á semana e percibirán un recoñecemento de 12.000 euros ao ano por asumir esa carga extra.

 

Xunto ao anterior, a Xunta tomou a decisión de seguir a incentivar o exercicio profesional en prazas de difícil cobertura. Por iso, propuxo ás organizacións sindicais, entre todos os conceptos que conforman os complementos retributivos do persoal sanitario, incrementar o que retribúe as condicións de soidade para aqueles profesionais que exercen en centros ou consultorios nos que non hai máis profesionais que eles mesmos; e o concepto que retribúe a prestación de servizos naqueles centros que están a máis distancia das cidades ou dos centros hospitalarios de referencia.

 

A compensación fixada para estes dous factores medra nun 50%, o que significa incrementos de máis de 2.800 euros anuais para o persoal de medicina de familia, e de máis de 1.400 para enfermería. Tamén se aumenta o número de centros que leva asociada esta retribución, agora son 82 en toda Galicia, 28 máis.

 

Para rematar a súa intervención, a directora de recursos humanos do Sergas dixo que o departamento sanitario galego vai seguir a dialogar coas organizacións sindicais e vai continuar a tomar medidas que faciliten a asistencia sanitaria en todo o territorio galego.