A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou esta mañá o proxecto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da área sanitaria, Luis Verde

A Xunta presenta o proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC, que garante a integración paisaxística dos accesos e inclúe para as novas vivendas dos expropiados

Vázquez Mourelle avanza que o luns se someterá a información pública o proxecto para a súa avaliación ambiental, avanzando na tramitación para á aprobación definitiva a comezos de 2023

Destaca o extraordinario esforzo realizado pola Xunta para dotar o novo Hospital Público da Coruña dos accesos axeitados, analizando ata 20 alternativas e decidindo finalmente asumir a titularidade de 3 km da avenida da Pasaxe

O Novo CHUAC será o maior investimento da sanidade pública galega, cuxo orzamento inicial de 430 M€ se elevará pola crise de prezos dos materiais

O obxectivo do proxecto é blindar a mellor asistencia a medio millón de usuarios, con 255.000 m2 construídos e máis de 1.500 camas, procurando os maiores estándares de calidade sanitaria e ambiental

O hospital tamén contará con infraestruturas para o acceso peonil e ciclista, adaptado á mobilidade sostible; e disporá de máis de 1.400 prazas de aparcadoiro

A Xunta, tras reunirse con cada un dos 19 propietarios afectados, porá á súa disposición parcelas para que poidan manter as súas residencias e negocios na contorna
 

 

A Coruña, 15 de xullo de 2022.- A Xunta presentou hoxe o proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC, que garante a integración paisaxística dos accesos e inclúe parcelas para as novas vivendas dos expropiados.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, presentaron hoxe este proxecto, que se someterá o luns a información pública a efectos de tramitar a súa avaliación ambiental estratéxica.

 

Unha vez culminado ese paso, previsiblemente en outono, someterase novamente a información pública o proxecto e recabaranse os informes sectoriais das diferentes administracións.

 

A conselleira adiantou que este mesmo ano se aprobará o proxecto e o Decreto de Utilidade Pública dos accesos e nos primeiros meses de 2023, o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos.

 

Sinalou que a actuación é o froito dun traballo intenso para desenvolver o maior investimento da sanidade pública galega, inicialmente estimado en 430 M€, que se elevará como consecuencia da crise de prezos dos materiais de construción.

 

O obxectivo é acadar un hospital para blindar a mellor asistencia a medio millón de usuarios, con 255.000 metros cadrados construídos e máis de 1.500 camas.

 

O complexo, configurado como unha serie de bloques escalonados de entre 12 e 14 andares, concentrará nun único espazo os servizos do CHUAC, o Oncolóxico, o Materno-Infantil, as especialidades do Ventorrillo e varias do Abente y Lago.

 

A conselleira indicou que o obxectivo é dotar o Novo CHUAC dos máis altos estándares de calidade sanitaria e tamén ambientais.

 

Accesos e expropiacións

O proxecto do novo CHUAC define as solucións máis eficientes e viables en canto aos accesos e tamén ás expropiacións necesarias.

 

No que se refire aos accesos, o novo CHUAC debe dispoñer dun anel perimetral e dunha conexión funcional coa rede viaria de alta capacidade, tanto coa AC-10 como coa AC-12, que son vías de titularidade estatal.

 

Neste sentido, tras analizar ata 20 alternativas, a Xunta decidiu realizar un esforzo aínda superior e asumir a titularidade da AC-12, a avenida do Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza, e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe. O Goberno galego xa trasladou ao Goberno central a petición de cesión desta vía.

 

O hospital tamén estará dotado de infraestruturas para o acceso peonil e ciclista, adaptado á mobilidade sostible; e disporá de máis de 1.400 prazas de aparcadoiro.

 

En relación ás expropiacións, a Xunta está a traballar para reducir ao mínimo posible a afección ás vivendas derivada da construción do novo Hospital Público da Coruña. Ademais, póñense á disposición varias parcelas para que poidan manter as súas residencias e negocios nesa contorna.

 

A Xunta mantivo contactos individuais con cada un dos 19 afectados e atopou boa receptividade a estas propostas para a reubicación das súas propiedades.

Imaxes relacionadas