Fernández-Tapias pon en marcha o histórico reloxo do IES Santa Irene tras a reparación da maquinaria

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu este venres ao centro educativo xunto aos mestres reloxeiros que levaron a cabo o arranxo da máquina, a substitución da esfera frontal e a iluminación interior

“Hoxe volvemos a dar vida a este reloxo que é xa un emblema da cidade”, sinalou Fernández-Tapias durante a posta en marcha da maquinaria

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades rematou este mesmo ano a rehabilitación integral do instituto vigués cun investimento total de 1,2 millóns de euros
 

 

Vigo, 15 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, puxo este venres de novo en marcha o histórico reloxo do Instituto de Educación Secundario Santa Irene despois dun investimento de 35.000 euros para a reparación da maquinaria e a mellora integral do mecanismo.

A representante autonómica fixo unha visita ao centro educativo xunto aos mestres reloxeiros que levaron a cabo o arranxo do reloxo. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades encargou aos irmáns Lage a substitución da maquinaria, a instalación da iluminación interior e reparación do cabalete que sustenta o reloxo, así como a substitución da esfera frontal.

“Hoxe volvemos a dar vida a este reloxo que é xa un emblema da cidade”, sinalou Fernández-Tapias durante a posta en marcha da maquinaria. Ao acto tamén acudiu o equipo directivo do centro educativo.

Ademais, a delegada territorial destacou as melloras acometidas polo Executivo autonómico no IES Santa Irene, logo do remate o pasado inverno das obras de rehabilitación integral executadas polo Goberno galego tras un investimento de 1,2 millóns de euros.

Melloras no centro

Segundo lembrou as actuacións dividíronse en tres tipos; as de mellora enerxética, as de mellora da accesibilidade e as de mantemento. No referido á eficiencia enerxética, substituíronse os materiais da antiga cuberta, reparáronse as fiestras de madeira e mudáronse as reixas da planta do soto e revisouse a carpintería de aluminio existente.

Ademais renovouse a iluminación con luminarias LED, a calefacción e a ventilación mecánica e drenáronse os muros exteriores baixo rasante. En canto á accesibilidade, instalouse un ascensor de baixo consumo, fíxose un novo acceso desde o espazo exterior ao semisoto e adaptáronse os aseos de todos os andares e os pasamáns das escaleiras.

Entre outros traballos de mantemento, reparáronse as humidades e as fendas en paredes e teitos, así como o pavimento; renovouse a pintura de todo o interior do inmoble e revisáronse as fixacións da maquinaria do reloxo da torre. Os traballos incluíron a cubrición do escudo franquista que existía na fachada do centro.

Imaxes relacionadas