O Museo do Galicia acolle unha mostra de gravados do artista Albino Fernández

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na apertura da exposición que reúne 51 obras deste pintor, referente do gravado arxentino do século XX, que mantivo estreitos lazos con galegos exiliados en América

O proxecto, organizado pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, rende homenaxe ao pintor con motivo do centenario do seu nacemento
 

 

Vigo, 14 de xullo de 2022.- O Museo do Mar de Galicia acolle unha mostra de gravados do artista de orixe galego Albino Fernández, figura fundamental do gravado arxentino do século XX, que se poderá visitar ata o 11 de outubro grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta exposición comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernández, nun acto no que tamén estivo presente a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio; o director da Fundación Museo de artes do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez, así como representantes da familia de Albino Fernández.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a calidade artística de Albino Fernández que se reflicte nas 51 obras reunidas nesta exposición, moitas delas relacionadas coa temática marítima “tan acaída para este continente que é o Museo do Mar, onde nos atopamos”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo destacou os lazos do pintor con artistas e intelectuais galegos no exilio arxentino como Lorenzo Varela, Luis Seoane ou Rafael Dieste, entre outros.

A mostra forma parte dos actos conmemorativos do centenario deste artista de pais galegos, que naceu en Cuba e posteriormente se nacionalizou en Arxentina, onde desenvolveu a meirande parte da súa traxectoria persoal e profesional. Recala agora en Vigo tras pasar polo Museo do Gravado de Ribeira, onde estivo entre novembro de 2021 e febreiro deste ano.