Rosa Quintana enxalza o rol dos grupos de acción local do sector pesqueiro na creación de vínculos a prol do desenvolvemento do litoral

A conselleira do Mar participou na xornada final do proxecto de cooperación Bitácoras do mar, coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte e no que tamén participan os GALP Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro Sur

As iniciativas de cooperación coma esta contribúen a reforzar a competitividade da cadea de valor do sector pesqueiro e o traballo conxunto e en rede dos axentes locais das zonas costeiras
 

Ares (A Coruña), 14 de xullo de 2022.-

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro na creación de redes de cooperación para promover o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras. Nesta liña, puxo como exemplo o labor realizado no proxecto de cooperación Bitácoras do mar, coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte e no que tamén participan os GALP Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro Sur.

Así o subliñou en Ares durante a xornada final desta iniciativa, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e na que se deu conta do traballo realizado no marco de Bitácoras do mar. Este proxecto naceu co fin de poñer en valor o labor feito polos grupos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, mediante unha serie de proxectos ligados ao crecemento azul, ao desenvolvemento sostible e ao reforzo da cohesión social das zonas costeiras.

Deste xeito, incidiu Rosa Quintana, as iniciativas de cooperación coma esta contribúen a reforzar a competitividade da cadea de valor do sector pesqueiro e o traballo conxunto e en rede dos axentes locais das zonas do litoral. Con estes fins, engadiu, concéntranse os fondos nas zonas pesqueiras que máis o necesitan, mobilízase o coñecemento dos axentes locais e créanse redes de cooperación que aumentan as posibilidades e oportunidades de desenvolvemento.

Todo isto, expuxo, dá conta de que Galicia ten experiencia neste ámbito. De feito, engadiu, segue traballando para deseñar as estratexias de desenvolvemento local participativo e os GALP do próximo período de programación financeira.

Bitácoras do mar

O proxecto Bitácoras do mar contou cunha fase inicial de traballo interno coas xerencias dos GALP e seleccionáronse seis iniciativas por cada un dos territorios designadas como exemplo de boas prácticas. Despois contouse coa participación do sector pesqueiro e da cidadanía, que seleccionaron un proxecto por territorio cun concurso en liña cumprimentando un cuestionario. A partir das boas prácticas seleccionadas, elaboráronse materiais de divulgación para dar difusión a estas iniciativas no resto de territorios promotores e fomentar o traballo en rede dos axentes das diferentes zonas.

Unha das actividades centrais do proxecto foron os Parladoiros, espazos de encontro e participación que favoreceron a interacción directa entre os diferentes axentes e a reflexión sobre os retos de futuro de cara ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. Realizouse un parladoiro en cada GALP promotor, abordando unha temática concreta previamente acordada con cada grupo e para o que se convidou a diferentes axentes públicos e institucións.

Imaxes relacionadas