A Xunta presenta o videoxogo deseñado polo alumnado da UVIGO na primeira Residencia Artística de Creación Dixital no Gaiás

Inspirado na novela ‘Arnoia, Arnoia’ de Xosé Luís Méndez Ferrín, o xogo —titulado `Retorno Arnoia’— emprega mecánicas de videoxogos de plataformas clásicos como o ‘Super Mario’

Un equipo de estudantes e egresados en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes, Telecomunicación e Informática deu forma a este proxecto nun mes de intenso traballo na Cidade da Cultura

A Residencia COMTECART, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a UVigo dentro do programa de residencias artísticas do Gaiás, fomenta o traballo interdisciplinar entre tecnoloxía, cultura e arte
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación do prototipo de videoxogo Retorno Arnoia, resultado do traballo realizado polo alumnado na Universidade de Vigo na primeira residencia artística enfocada á creación dixital impulsada de maneira conxunta pola Xunta de Galicia e a institución viguesa. A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou a experiencia como pioneira no marco das accións que o Gaiás está a desenvolver para apoiar a creación artística e cultural en Galicia.

Trátase da primeira residencia, explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que integrou perfís diversos, desde o artístico ao tecnolóxico, nun equipo que traballou ao unísono para dar forma a un proxecto cultural tan innovador e esixente como é un videoxogo. O alumnado participante son egresados en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes, Telecomunicación e Informática e dedicou horas a deseñar, debuxar, animar, programar e sobre todo comprobar e descartar erros nunha estadía intensiva que durou pouco máis de catro fins de semana, pero que lles valeu para mellorar as súas competencias e experimentar de cheo todas as fases de desenvolvemento do xogo.

O froito deste traballo é un videoxogo de plataformas inspirado nun clásico da literatura xuvenil galega, Arnoia, Arnoia, do escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín. Nel, o protagonista ten que superar diferentes obstáculos e inimigos en cada nivel, empregando mecánicas similares a clásicos do xénero como o Super Mario. Na presentación, o alumnado fixo unha demostración comentada en vivo do xogo, aberta tanto ao público asistente ao acto como a toda a audiencia que seguiu a retransmisión en streaming.

A presentación contou ademais coa participación da profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legerén Lago, que formou parte do equipo docente que asesorou ao alumnado durante a súa residencia, e de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez, que se implicou desde o comezo no proxecto e trasladou unhas palabras en nome de Méndez Ferrín.

Inspiración nun clásico da literatura galega

Do mesmo xeito que o protagonista da novela, Nmógadah, é apresado pola tribo mineira dos Grou e obrigado a cavar para atopar a Trabe de Ouro dos Profundos, o protagonista do videoxogo debe buscar o seu propio camiño no interior dunha mina na que agardan tesouros e perigos, mentres o xogador vai descubrindo en paralelo as motivacións do protagonista. Escoller entre ir cara arriba ou cara abaixo influirá igualmente na historia que coñecerá durante a súa experiencia de xogo.

Máis aló do resultado final, os nove alumnos participantes na residencia COMTECART no Gaiás valoraron especialmente a aprendizaxe en común, a posibilidade de coñecer as dinámicas reais coas que se traballa na industria e a exploración das posibilidades que o sector, un dos máis relevantes dentro das industrias culturais e creativas, lles pode ofrecer para o seu desenvolvemento a nivel profesional.

Para a Xunta de Galicia, esta primeira colaboración coa Universidade de Vigo no ámbito das artes dixitais e os videoxogos, que impulsou o anterior vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, veu ampliar a liña de traballo iniciada xa en 2021 para consolidar o Gaiás como rótula do ecosistema cultural galego. Apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea son os dous piares dun programa de residencias artísticas que medra en alcance e ambición, con ao redor de 25 proxectos apoiados en 2022. Precisamente, recordou a directora-xerente da Cidade da Cultura, ata o 8 de agosto está aberto o prazo para participar na convocatoria destas residencias para a segunda metade do ano.

Imaxes relacionadas