A Xunta celebra unha xornada sobre fruticultura en Galicia no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, foi o encargado de inaugurar o curso esta mañá

Na súa intervención, o director xeral destacou a importancia da Lei da calidade alimentaria “como apoio claro ao sector de calidade diferenciada e os consellos reguladores”

O obxectivo da xornada é dar a coñecer a situación do sector frutícola propoñendo aos axentes implicados -privados e públicos- as necesidades do sector para lograr un desenvolvemento da fruticultura galega máis dinámico

Desenvolverase ao longo de todo o día no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ofrecerá varias conferencias e mesas redondas sobre diferentes eidos relacionados co tema
 

Abegondo (A Coruña), 14 de xullo de 2022

O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá unha xornada sobre técnicas de fruticultura en Galicia, organizada polo Departamento de pastos e cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Durante a súa intervención, o director xeral puxo en valor a importancia da Lei da calidade alimentaria “como apoio claro ao sector de calidade diferenciada e aos consellos reguladores”. Do mesmo xeito, resaltou “a transcendencia que van ter as medidas de fomento asociadas a circuítos curtos de comercialización”.

Ademais, José Luis Cabarcos tamén subliñou a importancia das estratexias que se están elaborando desde a Consellería do Medio Rural, como, por exemplo, a do sector lácteo -xa en implementación- e da carne -en elaboración-, que teñen como fin “mellorar as rendas dos produtores”.

Por último, o director xeral fixo mención do recente convenio firmado entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega para o desenvolvemento do proxecto de caracterización, conservación e transferencia da biodiversidade xenética vexetal de interese agrario de Galicia. Así, parte do investimento total, que é dun 650.000 euros, se destinarán ao Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo co obxectivo final de defender a biodiversidade de todas as variedades de producións que aquí temos custodiadas, asegurou Cabarcos.

Programación da xornada

 
O curso, que se desenvolverá ao longo do día no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, ten como obxectivo dar a coñecer a situación do sector frutícola propoñendo aos axentes implicados ­-privados e públicos- as necesidades do sector para lograr un desenvolvemento da fruticultura galega máis dinámico. Todo isto nun marco de calidade e de máxima eficiencia na xestión empresarial e comercial.

Deste xeito, pola mañá, de 10:00 a 12:00 ofreceranse unha serie de conferencias arredor da investigación e a formación. Por un lado, Javier Acasíbar Errasti, investigador no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico (Lafiga), falará acerca da conxuntura da produción de mazá de sidra en Galicia. Por outro, Josefa Fernández López, investigadora no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, conversará sobre o material vexetal na produción de castaña. Por último, Xosé Antonio Meixide, investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, explicará a evolución e perspectivas da fruticultura galega.

Posteriormente, de 12:30 a 15:00, celebraranse tres mesas redondas, unha acerca da realidade das asociacións frutícolas, outra sobre o panorama actual dos viveiros en Galicia e, por último, unha acerca do sector das empresas e servizos agrarios. Ao rematar, realizarase unha visita ao banco de xermoplasma de mazá do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ata as 15:30 horas.

Pola tarde, a formación continuará con outras tres mesas redondas que se celebrarán de 17:00 a 19:30 horas. Estas falarán acerca da situación dos principais cultivos frutícolas galegos e doutros de interese para Galicia, como a produción dos froitos secos, da oliva, do arando, da cereixa, dos mirabeles e do aguacate. Posteriormente, ao seu remate, celebrarase a clausura das xornadas.

Este curso está dirixido a todas as persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.

Imaxes relacionadas