A Xunta adxudica por case 1 M€ a execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol

Intervirase na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos, na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela

O inicio dos traballos está previsto para agosto, cun prazo de execución de 6 meses

Trátase de mellorar as condicións de circulación nestas estradas da Xunta que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 997.381 euros as obras de execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol.

Os traballos, adxudicados á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., teñen como fin reforzar a seguridade viaria nas marxes das estradas da Xunta, concretamente con actuacións na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos ao seu paso por Fene; a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba; e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

A Xunta prevé iniciar as obras no mes de agosto, xa que a execución destas obras non fará necesario o desvío do tráfico rodado nin se producirán afeccións sobre ningún servizo. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo desta intervención é mellorar as condicións de circulación nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado.

Os traballos contratados consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade.

As obras inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras