O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá aos participantes do campamento urbano terapéutico Urban Camp

A Xunta destaca o traballo de Asperga na procura dun ocio activo para as persoas con Asperger

O campamento desenvólvese durante esta semana na capital galega con diferentes ac-tividades como as celebradas hoxe nas piscinas Fontes do Sar

Esta entidade realiza outros campamentos destas características na cidade da Coruña e tamén no Galipark de Padrón
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022.-

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá aos participantes do campamento terapéutico Urban Camp, organizado pola Asociación Galega de Asperger (Asperga). Trátase dunha iniciativa desenvolvida en varias localidades galegas ao mesmo tempo, unha delas en Santiago de Compostela.

 

Durante a súa visita, Fernando González Abeijón destacou o carácter dinamizador destes campamentos que amplían as alternativas de lecer para as persoas con Asperger. Ademais, sinalou que este tipo de programas supoñen un importe recurso de conciliación para as familias que poden compatibilizar a súa vida laboral e familiar.

 

Neste sentido, agradeceu a Asperga a posta en marcha deste tipo de actividades de verán adaptados, coa que colabora o Goberno Galego. Desta volta o director xeral acompañou aos usuarios nunha xornada de baño nas piscinas Fontes do Sar. A semana complétase con visitas á Alameda, obradoiros de camisetas e de cociña e unha festa temática de fin de campamento.

 

Outro grupo participa todo este mes de xullo noutro campamento destas características na Coruña, que inclúe saídas á praza, paddle surf e esgrima, entre outras actividades. Por outra banda, Asperga desenvolve tamén un campamento no que os seus membros dormen en contacto coa natureza, neste caso no Galipark de Padrón. O Goberno galego financia estes programas cun investimento de 6.000 euros.

Imaxes relacionadas