Turismo de Galicia promociona o Xacobeo en Londres nun acto que congregou a máis de 100 persoas do sector

A presentación do Xacobeo en Londres, na que participou a directora de promoción do Xacobeo, Carmen Pita, encádrase na rolda de actos organizados pola Xunta para animar, tanto en España como no estranxeiro, a camiñar a Galicia

Cabe lembrar o especial vínculo do Reino Unido e Galicia a través do Camiño Inglés, sendo os peregrinos que chegan a Galicia procedentes os sextos no ranking de Compostelas
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022.-

A directora de promoción do Xacobeo, Carmen Pita, participou en Londres na presentación da campaña de promoción do Xacobeo nun acto que congregou a máis de 100 persoas entre turoperadoras e profesionais do sector turístico, onde tamén participaron representantes do Clúster de Turismo de Galicia e o director da oficina de Turespaña en Londres. No marco do encontro leváronse a cabo diversos xuntanzas de traballo.

 

Cabe lembrar o especial vínculo do Reino Unido e Galicia a través do Camiño Inglés, sendo os peregrinos que chegan a Galicia procedentes deste país os sextos no ranking de Compostelas no que vai de ano.

 

Para Galicia o sector turístico é un sector estratéxico, e mostra diso é que actualmente emprega a máis de 70.000 persoas, polo que dende a Xunta faise unha aposta pola promoción de Galicia como destino de calidade e adaptado as novas demandas turísticas.

A presentación do Xacobeo en Londres encádrase na rolda de actos organizados pola Xunta para animar, tanto en España como no estranxeiro, a camiñar a Galicia e vivir unha experiencia única que coincide co modelo turístico en espazos abertos e vencellados coa natureza que demandan os turistas a raíz da pandemia e que encaixa coa marca Galicia como destino seguro.

Imaxes relacionadas