Un total de 13 obradoiros pertencentes a Artesanía de Galicia participan na XVIII Feira Outrora de Bóveda

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o evento Artesanía de Galicia en Bóveda, que se celebra ata as 21:00 horas en Rubián

Na programación inclúense dous obradoiros abertos e gratuítos para todos os públicos de cianotipia e de papel marmolado

Con este tipo de iniciativas, a Xunta busca impulsar a comercialización da Artesanía de Galicia e a posta en valor dos oficios artesanais en diferentes localidades galegas

 

Bóveda (Lugo), 14 de xullo de 2022

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ao evento Artesanía de Galicia en Bóveda, impulsado pola Xunta de Galicia no marco da XVIII Feira Outrora de Bóveda.

No evento, que se celebra ata as 21:00 horas, participan 13 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados no traballo do coiro, na bixutería, nos esmaltes, na creación de xoguetes, na moda, na xoiería ou no pirogravado. Trátase de Artesanía Enxebre de Valdeorras (O Barco de Valdeorras), Bangus (Ourense), Bisutetoka (Monforte de Lemos), Bolboretas de Coiro (Lugo), Casperlota Atelier (Paderne), Como pez en el agua (Vigo), Enxógate (Quiroga), HC San Rafael Vigo (Vigo), María Aba (Ourense), Milena Colella (Santiago de Compostela), Mimacuir (Taboada), Rappa - Taller (Lugo) e Xabier Artesanal (Pereiro de Aguiar).

No programa de actividades inclúense dous obradoiros abertos e de balde para todos os públicos impartidos polos artesáns vigueses María José Martínez e José Antonio Carrera, en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas. No obradoiro de marmolado, os participantes acadarán inesperadas e orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel poñéndoa en contacto con pigmentos non solubles que flotan na auga.

Por outra banda, no obradoiro de creación de cianotipia, os participantes coñecerán este procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, e expoñéndoo directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtense finalmente unha imaxe en diversos tons de azul.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír á posta en valor dos oficios artesanais galegos e achegárllelos a todos os públicos – especialmente aos máis pequenos – así como visibilizar a marca Artesanía de Galicia e potenciar a comercialización deste tipo de produtos.

Imaxes relacionadas