Galicia Calidade destaca a aposta pola excelencia da empresa certificada Tejas Verea

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, mantivo un encontro cos responsables da compañía que conta co selo de garantía autonómico para coñecer as súas propostas

 

Mesía (A Coruña), 14 de xullo de 2022.-

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitou hoxe Tejas Verea, unha das empresas certificadas polo selo de garantía, coa fin de explicar as liñas de actuación do organismo dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e para recoller as opinións, suxestións e achegas da compañía.

 

A empresa, que conta con máis de 50 anos de experiencia na fabricación de tellas cerámicas, aposta desde hai anos pola innovación, a calidade e a sustentabilidade, o que lle permitiu ser o primeiro fabricante español en ofrecer medio século de garantía de exención de defectos para todas as súas tellas cerámicas.

 

Verea forma parte do Rexistro de Pegada de Carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto demográfico e conta co selo Calculo e Reduzco por cuantificar e reducir as súas emisións de CO2. Esta certificación enmárcase no obxectivo da empresa de reducir o impacto ambiental en todos os seus procesos de produción, comercialización e distribución, e loitar contra o cambio climático.

 

Ademais, a compañía conta con dous sistemas de instalación integral de cubertas, Verea System e VereaLine System, que permiten aumentar a durabilidade das tellas e optimizar as prestacións dos tellados, aumentando a eficiencia enerxética das edificacións e contribuíndo así á construción sostible.

 

Méndez destacou a aposta pola excelencia desta compañía e do conxunto das empresas certificadas que contan co selo de garantía, con máis de 750 produtos e servizos certificados de 150 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, marítimo, turístico, xoieiro, industrial xeotérmico e de planta ornamental.

 

Imaxes relacionadas