Fernández-Tapias destaca a labor da asociación ASEM Galicia en Vigo co seu programa de promoción da autonomía persoal

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou este xoves a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares

 

Vigo, 14 de xullo de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse este xoves co presidente da Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia), Manuel Rego Collazo, para coñecer o seu "Programa estratéxico de cultura, ocio e participación inclusiva".

 

A representante autonómica destacou esta iniciativa destinada a persoas socias do colectivo co fin de promover e difundir o ocio, a cultura e o deporte inclusivo en Galicia. A Xunta apoia con 12.000 euros procedentes dos fondos do IRPF o programa de promoción da autonomía persoal que desenvolve Asem Galicia.

 

Fernández-Tapias tamén incidiu no traballo de prevención da dependencia e a prol dunha vida autónoma que leva a cabo a asociación. Ademais, explicou que coa axuda económica que recibe esta entidade da Xunta prestan servizos de terapia ocupacional, atención psicolóxica especializada individual e en grupo, fisioterapia ou de formación e apoio para favorecer o desenvolvemento persoal para a vida independente.

 

Así mesmo, a Consellería de Política Social outorgou a Asem Galicia outros 6.000 euros para o patrocinio da terceira edición das xornadas galegas sobre enfermidades neuromusculares.

 

Asem Galicia forma parte dunha ampla rede estendida por todo o territorio nacional e que forman 22 asociacións de pacientes que traballan día a día para mellorar a situación das persoas afectadas e das súas familias.

 

O seu principal obxectivo é contribuír a mellorar o benestar deste colectivo, así como difundir, sensibilizar e facilitar información sobre a realidade e as necesidades específicas que teñen as persoas con este tipo de doenzas.

 

Imaxes relacionadas