O presidente da Xunta interveu na xornada “El Camino en primera persona” organizada en Madrid polo xornal ABC

Rueda resalta a proxección global do Xacobeo bianual para Galicia e para España e subliña a súa capacidade para xerar actividade nun momento económico crucial

Celebra as cifras récord do Camiño logo de acadar este mes de xullo, con 180.000 compostelas, a mesma cifra de peregrinos que en todo 2021

Destaca que Galicia sexa un destino turístico de referencia agora que os viaxeiros priman os espazos non masificados, o contacto coa natureza e a seguridade

Lembra que a ruta xacobea actúa como punto de encontro de peregrinos de todo o mundo e contribúe á promoción da Comunidade e España no exterior
 

Madrid, 13 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a celebración deste dobre Ano Santo extraordinario supón unha gran oportunidade para a proxección de Galicia e España en todo o mundo e para xerar “actividade e dinamismo” nun momento económico crucial. Na xornada El Camino en primera persona, organizada polo xornal ABC en Madrid, Rueda destacou a importancia que está a ter este Xacobeo bianual, especialmente na recuperación do sector turístico, un dos eidos máis afectados pola pandemia e que está a acadar cifras históricas no que vai de ano.

 

Rueda lembrou que, xa en agosto de 2021, Galicia foi a única comunidade en recuperar os niveis de turismo prepandemia e que neste 2022 estase a vivir unha reactivación do sector “de récord”, en gran parte motivada polo Camiño de Santiago. Neste sentido, celebrou que Galicia acade este mes as 180.000 compostelas, é dicir, a mesma cifra que en todo o ano pasado. O presidente explicou que grazas a chegada do AVE a Ourense e a  agora que os viaxeiros priman os espazos non masificados, o contacto coa natureza, a calidade e a seguridade, Galicia é un dos destinos con máis demanda. “Galicia está de moda. Festexamos ser un destino turístico de referencia, é dicir, ser un motor na industria da felicidade”, sinalou.

 

O titular da Xunta destacou a importancia de reactivar un sector moi afectado durante a crise sanitaria do Covid e que é estratéxico para Galicia xa que emprega a 100.000 persoas e representa o 10,4% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade.

 

Neste sentido, Rueda subliñou á oportunidade que supoñen os fondos europeos para impulsar ao sector turístico e acelerar a súa plena recuperación. No caso do Camiño de Santiago, a Xunta ten en marcha o Plan Xacobeo Next Generation, dotado de case 40 millóns de euros. Un programa que conta con tres liñas de actuación: 22,7 millóns de euros para rehabilitar Bens de Interese Cultural vinculados ao Camiño; 8,4 millóns de euros para executar accións de cohesión que reforcen a Galicia como destino seguro e outros 8,1 millóns para desenvolver Plans de Sostenibilidade turística en destino.

 
O Camiño de Santiago, un punto de encontro

Durante a xornada El Camino en primera persona, na que tamén participou a directora xeral de Turismo, Nava Castro, o presidente da Xunta destacou que esta ruta de peregrinación leva 1.200 anos actuando como fío de unión e cohesión entre os diferentes pobos europeos e converte a Galicia “nun punto de encontro” de peregrinos e visitantes de todo o mundo. Proba diso é que hai 350 asociacións de amigos do Camiño nos cinco continentes, o que impulsa a proxección de Galicia e España en todo o mundo.

 

Rueda, que lembrou que o Camiño de Santiago foi o primeiro itinerario cultural europeo recoñecido pola UE en 1983, é Patrimonio da Humanidade e tamén foi distinguido co Premio Príncipe de Asturias da Concordia.

 

O presidente da Xunta destacou a importancia do Xacobeo no turismo galego, pero resaltou que a Comunidade conta con outros atractivos como son as máis de 900 praias do litoral galego (112 con bandeira azul), a Ribeira Sacra, as Illas Atlánticas, as 15 estrelas Michelin e os 24 soles Repsol que distinguen a cociña de restaurantes galegos, as cinco rutas dos viños que permiten recorrer Galicia dan man dos seus caldos (Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra) ou as 325 Q de calidade turística dos establecementos da comunidade.

Imaxes relacionadas