A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,45 h. de hoxe

Extinguido o incendio rexistrado en Palas de Rei, parroquia de Cuíña, con 22 hectáreas afectadas

Seguen activos os dous incendios do concello de Melón, parroquia de Quins: un afecta unha superficie provisional dunhas 35 hectáreas e o outro unhas 45 ha

Permanece activo tamén o lume de Ribadavia, parroquia homónima, que afecta arredor de 65 hectáreas de superficie
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata as 19,45 h. de hoxe.

Palas de Rei-Cuíña

 
O lume iniciado ás 21,06 h. de onte no concello de Palas de Rei, parroquia de Cuíña, quedou extinguido ás 19,39h. desta tarde, afectando un total de 22 hectáreas de monte raso. Este incendio comezara en tres focos, o que apunta á súa intencionalidade. No seu control participaron 1 técnico, 5 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 1 tractor cisterna, 2 pas e 1 helicóptero.

Melón-Quins

 
O primeiro lume rexistrado no concello de Melón, parroquia de Quins, orixinouse ás 22,30 do luns e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 35 hectáreas. No seu control participan 6 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas e 1 helicóptero.

Ademais, rexistrouse un segundo lume no mesmo lugar que se orixinou ás 22,38 h. de onte e tamén permanece activo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 45 hectáreas. No seu control participan 9 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 3 avións.

Ribadavia-Ribadavia

O incendio rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia homónima, comezou ás 22,11 h. do luns e tamén segue activo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. No control deste lume levan traballado 1 técnico, 18 axentes, 40 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 1 unidade técnica de apoio, 7 helicópteros e 5 avións.  
 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural