A Xunta mantén o compromiso para dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, recibiu esta mañá á gobernadora da wilaya de Bojador dos campamentos de refuxiados saharauís, Azza Bobih

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu esta mañá á gobernadora da wilaya de Bojador dos campamentos de refuxiados saharauís, Azza Bobih, para abordar a situación dos campamentos situados no suroeste de Alxeria nos que viven case 170.000 persoas, sobre todo mulleres e nenos. Trátase dunha trintena de campamentos organizados nas provincias (wilayas) de Bojador, O Aiún, Dajla, Auserd e Smara.

A Xunta colabora coa organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) no desenvolvemento de distintos proxectos de asistencia humanitaria co pobo saharauí con iniciativas relacionadas con garantir a seguridade alimentaria, a nutrición e ao apoio ao sistema sanitario. No marco desta colaboración, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos máis de 1 millón de euros a través de distintos convenios asinados con dita entidade.

Os convenios están vinculados, sobre todo, ao ámbito da saúde coa dotación de equipamento hospitalario e o apoio a comisións médicas que levaron a persoal de distintas especialidades aos campamentos. Na maioría dos casos estas actuacións inclúen tamén a entrega de alimentos, en apoio á seguridade alimentaria nos campamentos.

O ámbito das actuacións reorientouse con motivo da pandemia do coronavirus, de xeito que tanto en 2020 e o 2021, o acordo centrouse en dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí en relación a esta crise, co obxectivo de contribuír á mellora das súas condicións de vida a través do subministro de alimentos pola escaseza dos mesmos agravada pola situación sanitaria.

Esta colaboración entre a Xunta e SOGAPS enmarcase no IV Plan Director da Cooperación Galega, que identifica como ámbito estratéxico de intervención a necesidade de paliar a reducir a vulnerabilidade respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade.