A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe esta actividade, que forma parte da campaña ‘O verán que queres contar’

Vilanova de Arousa acolle o campo de voluntariado da Xunta ‘Salvemos o mar 3.0’ para promover entre a mocidade a conservación do medio mariño

Os participantes desfrutan de actividades ligadas ao litoral arousán, dunha progra-mación de ocio e de visitas culturais

Trátase dun programa que forma parte da maior campaña de verán da historia, con máis de 10.800 prazas en total, 675 delas en campos de voluntariado coma este

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 13 de xullo de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe ás 14 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado Salvemos o mar 3.0: A vista de dron, que se celebra ata este venres en Vilanova de Arousa. O programa, que se iniciou o pasado día 4 de xullo, inclúe dúas semanas de actividades, con actuacións para a conservación do litoral da localidade e cunha ampla programación de lecer.

 

Os participantes proceden de Galicia, México, Alemaña, Francia, Castela e León, Madrid, Andalucía e Cataluña. Nesta experiencia desenvolven actividades de recuperación ambiental da costa vilanovesa, dende a praia das Sinas ata o porto do municipio, pasando por distintos enclaves naturais. Tamén teñen ocasión de levar a cabo outro tipo de actividades, como caiac ou tiro con arco; ademais de visitas a lugares como o Museo do Mar do Grove.

 

Cristina Pichel destacou a relevancia dos campos de voluntariado para sensibilizar aos mozos sobre distintos temas, ao tempo que desfrutan de todas as actividades programadas. Neste senso, subliñou que as rías galegas son un lugar ideal para concienciar sobre o coidado do nosa contorna natural.

 

O verán que queres contar

Este campo de voluntariado forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta. Baixo o lema o verán que queres contar, o Goberno galego pon a disposición de mozos de todas as idades máis de 10.800 prazas, 475 delas en actividades como esta.

Imaxes relacionadas