A Xunta incrementa ata nun 40% as axudas destinadas a comedores sociais, centros de acollida, albergues ou ao reparto de alimentos

O Consello do Goberno galego aprobará mañá unha nova orde de 7,2 millóns de euros que axudará ás entidades sociais a realizar o seu labor a favor das persoas en risco de exclusión social
 

Lembra que a Tarxeta Básica foi unha axuda pioneira e extraordinaria para dar resposta ás necesidades dos fogares tras a pandemia e que as axudas sociais deben centrarse agora no acceso ao emprego
 

Reivindica a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital para axilizar o seu ac-ceso, que segue presentando atrancos dous anos despois de aprobarse, e sinala que a Risga mantén o 63% dos usuarios que tiña en xuño do ano 2020
 

O Goberno galego blindou o orzamento da Risga para seguir atendendo aos galegos que o precisen e impulsa outras medidas como as Axudas de Inclusión Social ou os complementos autonómicos ao Bono social térmico ou ás Pensións non contributi-vas
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia incrementará ata nun 40% as axudas destinadas a entidades sociais para o funcionamento de comedores sociais, centros de acollida, albergues ou para o reparto de alimentos. Así o anunciou hoxe a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para responder a unha interpelación sobre axudas ás persoas máis vulnerables.

 

A conselleira concretou que o Consello da Xunta aprobará mañá mesmo unha nova orde de 7,2 millóns de euros que axudará ás entidades sociais a realizar o seu labor a favor das persoas en risco de exclusión social. Durante a súa intervención apuntou que as axudas sociais deben centrarse nestes momentos en procurar a reinserción das persoas que peor o están a pasar para que accedan a un emprego e gañen en autonomía.

 

Fabiola García destacou que durante a pandemia o Goberno galego actuou de xeito áxil, eficaz e contundente, anticipándose ao resto de comunidades e do Estado. Entre as medidas impulsadas para atender a esta situación atópanse un Servizo de Axuda no Fogar extraordinario, o reforzo do programa Xantar na casa, a axilización no acceso á Risga ou a aprobación da maior orde de axudas a entidades da historia de Galicia con 18 millóns de euros.

 
Supresión da Tarxeta Básica
Con este mesmo cometido, en xullo do ano 2020 a Xunta impulsou a Tarxeta Básica para axudar aos fogares a mercar produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia. Unha axuda pioneira, na que se investiron 42 millóns de euros e que atendeu a 75.000 persoas. Dous anos despois e nun contexto moi diferente, sinalou a conselleira, é preciso que as axudas de inclusión social persigan novos obxectivos como o acceso ao emprego das persoas beneficiarias.
 

Neste sentido, a conselleira volveu a reclamar a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital que, tras dous anos desde a súa posta en marcha, segue presentando atrancos no seu acceso e continúa sen chegar a todas as persoas que se prevía. Fabiola García lembrou que a renda autonómica segue beneficiando aínda ao 63% dos usuarios que a tiña no mes de xuño do ano 2020, é dicir, segue habendo persoas que non transitaron ao Ingreso Mínimo Vital.

 

A conselleira resaltou que o Goberno galego seguirá achegando a Risga a todas as persoas que o precisen. Neste ano, os orzamentos da Xunta blindaron o seu funcionamento e axilizouse o seu acceso. Así mesmo, ademais da Risga, a Xunta segue apoiando aos fogares máis vulnerables a través doutras axudas.

 

Exemplo diso son as Axudas de Inclusión Social, que beneficiaron a 3.000 persoas no pasado ano para a compra de comida, de roupa, de vivenda ou produtos de farmacia; a través do Bono social térmico e co complemento autonómico de 100 euros que chega a máis de 66.400 familias; ou a través do complemento autonómico ás pensións non contributivas que perciben arredor de 37.000 galegos.

Imaxes relacionadas