A Xunta publica no DOG o inicio da información pública do proxecto das novas sendas nas vías PO-302 e PO-306 en Vilanova de Arousa, cun investimento de case 1,3 M€

Durante un período de 30 días hábiles, as persoas que así o desexen poden formular observacións relativas á concepción global do trazado deseñado
 

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil continuo pola marxe dereita das estradas autonómicas PO-302 e PO-306, entre a PO-549 en Caleiro e o núcleo urbano de Vilanova de Arousa
 

Na estrada PO-302 habilitarase unha senda de 1.100 metros e na PO-306 o itinerario transcorrerá ao longo de 270 metros
 

Tamén se demolerán as beirarrúas e executaranse unhas novas en todo o tramo da estrada PO-302 que transcorre polo medio do núcleo urbano
 

A intervención inclúe a execución da rede de pluviais, saneamento e abastecemento, ademais da renovación da iluminación na PO-302, e rede de pluviais na PO-306
 

Esta actuación súmase ás rematadas no marco do Plan de Sendas do Salnés, que supuxeron un orzamento de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de sendas peonís nas estradas PO-302 e PO-306, no concello de Vilanova de Arousa, que suporán un investimento autonómico de case 1,3 millóns de euros.

 

O DOG tamén publica hoxe a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido, para o que será precisa a expropiación de 41 fincas. No seguinte enlace pódese ampliar a información: shorturl.at/pHIKM

 

Durante un período de 30 días hábiles, as persoas que así o desexen poden formular observacións relativas á concepción global do trazado deseñado.

 

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil continuo na marxe dereita das estradas PO-302 e PO-306, entre a PO-549 en Caleiro e o núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

 

A senda terá unha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e de 270 metros na PO-306, discorrendo entre os puntos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre os 0 e 0+270 na segunda.

 

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separada da estrada por medio dun bordo de formigón, e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

 

Tamén se demolerán as beirarrúas existentes e executaranse unhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO-302 que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

 

Ademais, executarase os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO-302, e unha rede de pluviais na PO-306. Renovarase o alumeado na PO-302, concretamente substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

 

Esta intervención súmase ás rematadas no marco do Plan de Sendas na bisbarra do Salnés, que supuxeron un orzamento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

 

Na actualidade a Xunta tamén ten en marcha a reparación de beirarrúas na PO-549, nos concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, para dar continuidade nas sendas da PO-549, cun investimento de 1,1 M€ e 1,6 quilómetros de novos itinerarios.