A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, avanza que a execución deste novo itinerario se iniciará a finais de ano ou comezos de 2023

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da senda entre A Ponte e Santa Cataliña, en Santa Comba, que estarán rematadas na primavera cun investimento da Xunta de 177.000 €

Habilitarase un itinerario peonil pola marxe dereita da estrada AC-404, de 450 metros de lonxitude e 1,8 metros de ancho, que unirá as zonas de beirarrúas actuais acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos

Construirase un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros, para salvar o desnivel no terreo e soster a senda, evitando afectar o rego das Dornas

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 8 de agosto para presentar as súas ofertas

Ethel Vázquez enmarca esta actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€

Adianta a execución este año da mellora do firme en varios treitos das vías AC-400, AC-406 e AC-546, obras en fase de contratación que suporán un investimento de case 880.000 € só no termo municipal de Santa Comba

Avanza que o departamento que dirixe está a tramitar tamén o contrato para iniciar a redacción do proxecto de mellora da estrada AC-406, no treito do alto do Paofito, unha actuación estratéxica para Santa Comba e os concellos da contorna
 

Santa Comba (A Coruña), 13 de xullo 2022.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba, que estarán rematadas na primavera cun investimento da Xunta de 177.000 euros.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou o novo itinerario, que se habilitará ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.

 

A conselleira explicou que as empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o 8 de agosto para presentar as súas ofertas. A Xunta xa está a avanzar nos actos expropiatorios dos 9 predios necesarios para executar as obras: a comezos de xuño convocou o levantamento das actas previas e o levantamento de actas de ocupación está previsto para o vindeiro 12 de agosto.

 

Ethel Vázquez adiantou que o obxectivo da Xunta é poder adxudicar os traballos en torno ao mes de novembro para inicialos a finais de ano ou comezos de 2023, cun prazo de execución de 4 meses.

 

O novo itinerario, fundamentalmente de uso peonil, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.

 

Ethel Vázquez concretou que que executará esta nova senda pola marxe dereita da estrada autonómica, no treito de 450 metros comprendido entre A Ponte e Santa Cataliña que mellorará o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai a habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.

 

Este novo itinerario terá un ancho de 1,80 metros, acorde ás beirarrúas existentes, e irá separado da estrada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

 

Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria.

 

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

 

Ethel Vázquez enmarcou esta actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse tamén ás obras que se atopan en contratación para a mellora do firme en varios treitos das estradas da Xunta AC-400, AC-406 e AC-546.  Avanzou que estes traballos de mellora do firme nestas 3 estradas autonómicas se executarán este mesmo ano. No seu conxunto, suporán un investimento de 1,5 M€, a parte maioritaria, case 880.000 €, en treitos que se corresponden co termo municipal de Santa Comba.

 

Ethel Vázquez indicou, ademais, que o departamento que dirixe está a tramitar o contrato para iniciar a redacción do proxecto de mellora da estrada AC-406, no treito do alto do Paofito, unha actuación estratéxica para Santa Comba e os concellos da contorna, remarcou. 

Imaxes relacionadas