A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Mugardos dun treito antigo da actual estrada autonómica AC-133, na Fonte Grande

Transfírese un tramo de 136 metros de lonxitude do treito antigo da marxe esquerda desta vía autonómica, xunto co seu dominio público viario asociado, de 2.445 m²
 

O treito transferido abrangue desde o punto quilométrico 9+710 ao 9+840
 

A configuración actual da estrada é o resultado da mellora de trazado realizada pola Xunta en 2017
 

A entidade local terá competencia para actuar neste treito e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Mugardos dun treito antigo da actual estrada autonómica AC-133, na Fonte Grande, xunto co seu dominio público viario asociado.

 

Transfírese a titularidade dos 136 metros de lonxitude do treito antigo da marxe esquerda desta vía autonómica, desde o punto quilométrico 9+710 ao 9+840.

 

A superficie do dominio público viario asociado ao tramo antigo é de 2.445 m². A maioría desta superficie confórmaa a franxa de terreo que separa o tronco antigo co actual da AC-133, resultado da mellora do trazado da estrada executada pola Xunta no ano 2017.

A transferencia a prol do Concello de Mugardos tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

 

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 30 de xuño: https://cutt.ly/ILm7AGP

 

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Mugardos terá a competencia para actuar neste treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento