O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto expropiatorio para impulsar esta actuación de fomento da mobilidade sostible

A Xunta investirá máis de 242.000 euros na construción dunha senda peonil na estrada AC-524, no concello de Frades

Habilitarase unha senda de 770 metros pola marxe esquerda da estrada, que permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos

A Consellería de Infraestruturas prevé convocar o levantamento de actas previas no segundo semestre de 2022 e licitar as obras a continuación

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria co fin de reforzar a seguridade, a sustentabilidade e a comodidade nos desprazamentos cotiáns a pé dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022.-

A Xunta investirá máis de 242.000 euros na execución dunha senda na estrada autonómica AC-524, no concello de Frades. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta actuación de mellora da seguridade viaria e da mobilidade no municipio coruñés.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://cutt.ly/mLm7XGf

O Consello da Xunta autorizou o pasado día 30 de xuño as expropiacións necesarias para desenvolver a senda peonil e ciclista pola marxe esquerda da estrada autonómica AC-524, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590, de xeito que se dará continuidade á senda xa existente na travesía de Abellá.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé convocar o levantamento de actas previas no segundo semestre de 2022 e licitar, a continuación, as obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses.

 

A nova senda, que terá 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos.

 

A sección tipo neste treito da estrada constará de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terriza e gabia transitable de 1,20 metros.

 

As obras de pavimentación terán en conta os accesos a propiedades privadas, que serán en formigón coloreado con mallazo e de cor terra natural, empregándose nas zonas de cruce con outras vías pavimento táctil de cor e textura diferente, indicador de advertencia ou proximidade. Nos pasos de peóns colocarase pavimento táctil direccional.

 

Tamén se executará o sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición daqueles servizos afectados pola intervención, incluíndose a recolocación dos sinais verticais e colocación de captafaros. Tamén se prevé a preinstalación do alumeado público.

 

Con estas intervencións, a Xunta dá resposta a unha actuación demandada polo Concello, que busca fomentar a mobilidade sustentable nesa contorna, con vivendas situadas nas marxes da estrada, para favorecer os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorar a seguridade viaria dos peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade, a sustentabilidade e a comodidade nos desprazamentos dos viandantes.