A Xunta participa na presentación da Ruta Quetzal “Expedición Traslatio” que dará comezo este sábado en Braga e rematará o 25 de xullo na praza do Obradoiro

A Expedición Traslatio trátase dunha viaxe de estudos e aventura no que 150 mozos revivirán a historia do Apóstolo Santiago

A Ruta Quetzal leva máis de 30 edicións combinando o estudo e a aventura entre máis de 10.000 xoves de ata 60 países
 

Vilanova de Arousa, 13 de xullo de 2022.-

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá co director da Ruta Quetzal, Íñigo de la Quadra-Salcedo, na presentación da Expedición Traslatio, organizada por Mar de Santiago e a Ruta Quetzal para conmemorar este Ano Santo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

Este itinerario trátase dunha viaxe de estudos e aventura no que 150 mozos revivirán a historia do Apóstolo Santiago percorrendo durante dez días os escenarios que foron testemuñas da súa última viaxe, comezando a súa expedición en Braga ata finalmente chegar a Santiago de Compostela.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, expuxo que a través dos dez días de duración os participantes poderán percorrer a nosa comunidade e empaparse da riqueza e as bondades da mesma, a través das paraxes e escenarios que fomentaron o nacemento do Primeiro Itinerario Cultural europeo.

O itinerario da Ruta Quetzal por América e Europa recala agora en Galicia. Para moitos dos que participaron nela, a viaxe supuxo un antes e un despois. Oxalá nesta ocasión suceda o mesmo e desfrutedes da eternidade nas nosas paisaxes, do azul do noso mar e do verde dos nosos campos” finalizou Castro.

O programa da Ruta Quetzal foi creada no ano 1979 polo xornalista Miguel da Quadra-Salcedo co obxectivo de consolidar entre a mocidade de 16 e 17 anos os cimentos da Comunidade Iberoamericana de Nacións entre todos os países de fala hispana, incluídos Brasil e Portugal.

A Ruta Quetzal leva máis de 30 edicións combinando o estudo e a aventura entre máis de 10.000 xoves de ata 60 países.

Imaxes relacionadas