O presidente da Xunta e o vicegobernador coreano Koo Man Seop asinaron un memorando de entendemento entre Galicia e a provincia de Jeju

Rueda pon en valor os nexos que unen a Galicia coa República de Corea a través das peregrinacións como un símbolo universal de tolerancia, respecto e acordo

Salienta a contribución que a República de Corea fai do Camiño de Santiago a través do Jeju Olle Trail, unha ruta creada na illa de Jeju a partir da experiencia xacobea

Adianta as xestións que se están a facer para crear unha certificación conxunta para os peregrinos que percorran os dous itinerarios, o de Santiago e o de Jeju Olle

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os nexos que unen a Galicia coa República de Corea a través das peregrinacións como un símbolo universal de tolerancia, respecto e acordo.

O titular do Goberno autonómico, que hoxe recibiu a unha delegación coreana entre a que se atopaba o embaixador da República de Corea en España, Bahk Sahnghoon, asinou co vicegobernador da provincia coreana de Jeju, Koo Man Seop, un memorando de entendemento polo que Galicia e Corea do Sur afondan na súa cooperación mutua e estreitan os lazos que os unen a través do Camiño de Santiago e o Jeju Olle Trail, unha ruta creada na illa de Jeju que os cidadáns de Corea do Sur empregan como adestramento antes de facer o Camiño.

Alfonso Rueda agradeceu aos representantes da República de Corea a súa contribución á difusión do Camiño, un feito constatado con cifras -no ano 2004 foron 18 os peregrinos coreanos e sen embargo no 2019 xa preto de 10.000-, e que o presidente da Xunta personalizou na figura de tres mulleres: Suh Myung-Suk, impulsora do Jeju Olle Trail, Kim Nam-Hee e Kim Hyo Sun, escritoras que deron a coñecer as rutas xacobeas a través da literatura.

Se ben as relacións institucionais entre Corea do Sur e Galicia co Camiño como motivo veñen de lonxe, o mandatario autonómico recalcou que o memorando permitirá afondar en intereses e valores que unen a galegos e coreanos, como un xeito de vida sa, o respecto pola paisaxe e a contorna, a paixón pola gastronomía e un modelo de turismo tranquilo e sostible.

 

Rueda amosou o seu desexo de que esa colaboración mutua medre en beneficio do Camiño, do Jeju Olle Trail e, en xeral, de todos os itinerarios que forman parte do proxecto “Camiño de Amizade”, que persegue a promoción recíproca das rutas que promoven a convivencia, a conservación do patrimonio e o desenvolvemento sostible dos espazos polos que discorren. Coa intención de impulsar esa colaboración mutua, Rueda adiantou que se están a realizar xestións a fin de crear unha certificación conxunta para os peregrinos que percorran os dous itinerarios, o de Santiago e o de Jeju Olle.

Monumento simbólico no Monte do Gozo

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou a continuación na inauguración no Monte do Gozo dun monumento simbólico do Camiño de Jeju Olle doado polo Goberno provincial de Jeju. No acto sinalou o importante papel das rutas xacobeas na estreita relación entre Galicia e Corea do Sur.

Diego Calvo incidiu ademais na aposta da Xunta por internacionalizar a oferta turística a través do Camiño de Santiago, o maior reclamo e embaixador da comunidade. No que se refire á proxección de Galicia no exterior, o Goberno galego conta coa Estratexia de Acción Exterior e xa traballa no documento para o período 2023-2026 que precisamente terá ao continente asiático como eixo estratéxico.

Imaxes relacionadas