A Xunta porá proximamente en marcha o Observatorio do Sector Lácteo, que velará polo crecemento sostido do prezo do leite que cubran os custos de produción

Así o avanzou José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, na súa intervención na xornada de sostibilidade, pegada de carbono e pegada hídrica na produción de leite, organizada por Agaca

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá na xornada de sostibilidade, pegada de carbono e pegada hídrica na produción de leite, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Na súa intervención, o director xeral anunciou que a Consellería do Medio Rural publicará proximamente o decreto do Observatorio do Sector Lácteo, ao abeiro do cal se proporá a creación dun grupo de expertos externos para a redución de gases de efecto invernadoiro.

O Observatorio ten por obxecto mellorar o funcionamento do sector lácteo, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor. Todo isto con vistas a conseguir uns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción e deixen unha marxe de beneficio aos gandeiros.

Por outro lado, José Balseiros salientou a subida do prezo do leite, que aumentou 1,08 céntimos por litro no mes de maio con respecto ao mes de abril e un 28,38% con respecto ao mesmo mes de 2021. Así, o prezo medio do leite en Galicia no mes de maio situouse en 41,98 cts./l. Nesta liña, Balseiros trasladou que, coma calquera empresario, deben vender o seu produto a un prezo que permita aos gandeiros cubrir os custos de produción e contar cunha marxe de beneficio.

Ademais, lembrou que, de cara a mellorar a xestión das emisións, están a tramitar tamén diversas axudas xestionadas pola Xunta do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiadas con Fondos Next Generation, que contan cun orzamento de 7,41 millóns de euros e coas que se prevé beneficiar unhas 250 explotacións.

En concreto, as subvencións inciden en diversos puntos como a mellora da xestión de xurros e estercos -para a que se destinan preto de 4,7 millóns de euros-, co obxectivo de mellorar a xestión destas materias orgánicas, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental.

Tamén contempla axudas para a eficiencia enerxética -cun orzamento de 700 mil euros- co fin de sufragar investimentos en eficiencia e fontes renovables, como o illamento térmico ou as plantas biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Así mesmo, destínanse preto de 1,9 millóns de euros de investimento para agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental.

Apoio ao sector
Durante a súa intervención, o director xeral fixo tamén fincapé nas medidas levadas a cabo pola Xunta para apoiar ao sector gandeiro. Neste senso, destacou a Estratexia de dinamización do sector lácteo, ao abeiro da que se están poñendo en marcha un paquete de medidas para seguir afondando na transparencia e no bo funcionamento da cadea de valor do leite. Así, entre esas medidas está, precisamente, fortalecer a profesionalización do sector e aumentar a súa rendibilidade mediante -entre outras cuestións- a mellora da xestión dos residuos gandeiros. Ademais, sinalou que a estratexia da carne xa está tomando forma e conta tamén coa participación do sector para procurar as liñas mestras que rexerán o seu futuro.

Así mesmo, Balseiros tamén destacou as axudas da Consellería para a mellora de explotacións e a incorporación de mozos á actividade agraria. Nesta liña, asegurou que a través destas achegas se mellora as instalacións de cara a súa modernización e eficiencia. Así, a convocatoria desta liña de subvencións para 2022 conta cun orzamento de 37,5 millóns de euros.

Por último, sobre a liquidez das granxas, o director xeral lembrou que a Xunta convocou o pasado mes de xuño axudas para o adianto da PAC, que permite adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común (PAC), subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de 3,4 millóns e a custo cero para os gandeiros e agricultores.

A maiores, o director xeral tamén destacou a orde publicada o pasado 7 de xullo no Diario Oficial de Galicia, que regula o procedemento de recoñecemento do dereito a préstamos de financiamento de capital circulante a explotacións de gando bovino, aos que poden acceder os gandeiros, con subsidiación dos tipos de xuro por parte da Consellería. Así, subliñou que estes préstamos contarán cun apoio por parte do Goberno galego de 5 millóns de euros, para chegar ata os 25 millóns en empréstitos concedidos, cun máximo de 30.000 euros por explotación.

Imaxes relacionadas