A Xunta lanza a nova edición do programa Igape responde para impulsar a actividade empresarial en Galicia

O Goberno galego reforza o programa de consultaría gratuíta en rede con dous novos ámbitos de apoio ao emprendemento e axudas ao investimento

Igape Responde tamén ofrece atención directa a consultas sobre xestión empresarial e asesoramento en liña noutros cinco ámbitos: xeral, financeiro, negocio, operacións, persoas

Máis de 1200 persoas recibiron o asesoramento gratuíto do Igape Responde, a metade delas, autónomas, na primeira edición do programa
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada de lanzamento da nova edición do Igape Responde, o programa de asesoramento da Xunta, en liña e gratuíto, dirixido a dar resposta ás necesidades de empresas e autónomos ante os novos retos que presenta o actual contexto económico. O programa, que ata o de agora ofrecía apoio nos ámbitos xeral, financeiro, negocio, operacións e persoas, incorpora, como novidade, apoios ao emprendemento e axudas ao investimento.

 

O soporte a persoas emprendedoras vaise materializar na orientación durante a fase de creación da empresa e tamén á hora de analizar a viabilidade do negocio. Ademais, no marco do programa, as persoas con novas ideas terán apoio na procura de fontes de financiamento que lles axude á creación do seu negocio. O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca que a través deste novo ámbito “o noso obxectivo é aumentar o emprendemento en Galicia e ofrecer as máximas facilidades nesa primeira etapa da creación dun novo negocio”.

 

Outra das novidades do Igape Responde é o ámbito de axudas ao investimento. Neste caso, as empresas e as persoas autónomas atoparán asesoramento gratuíto para implantar o seu negocio en Galicia, “para iso ofrecemos apoios na busca de localización, solo e naves industriais”, apuntou Fernando Guldrís. Por outra parte, este ámbito inclúe axuda cos trámites administrativos, en aspectos como os procedementos ambientais e urbanísticos. O obxectivo é dar facilidades durante o procedemento de presentación de axudas, á hora de interpretar a normativa e visibilizar as axudas que mellor se adaptan a cada negocio, en función da súa tipoloxía.

 

Guldrís, subliñou que “a situación actual marcada pola inflación segue sendo complicada, por iso desde a Administración temos claro que é necesario reforzar esta liña de acompañamento do noso tecido empresarial, especialmente de pemes, comerciantes, microempresas e autónomos”.

 

O asesoramento do Igape Responde pode solicitarse a través do teléfono 900 815 151 e do correo igaperesponde@igape.es. Outra das vías para pedilo é a través do formulario dispoñible na páxina web do programa. O tecido empresarial e as persoas emprendedoras poden acceder ata a 17 tipos de medidas diferentes, que se implementan de xeito rápido nun prazo de dúas semanas. O soporte inclúe ademais un seguimento posterior dun mes cunha intensidade de 25 horas de consultaría personalizada.

 

Igape Responde, atención personalizada e resposta rápida

A Xunta activou Igape Responde no 2020 para reforzar o servizo de asesoramento a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas ante a situación económica provocada pola covid. Un total de 1210 persoas recibiron o apoio deste servizo durante a primeira edición, a metade delas, persoas autónomas.

 

No ámbito de negocio o programa axudou ás empresas a mellorar a súa visibilidade e promoción en liña. Fíxose a través da elaboración de contidos dixitais, do deseño e lanzamento de campañas con condicións comerciais novas, como descontos ou lotes, ou coa incorporación de produtos a plataformas e-commerce. E por suposto, reprogramando os contidos para adaptalos á situación do momento.

 

A través doutro dos ámbitos, o financeiro, ofreceuse unha ferramenta de replanificación das débedas comerciais, con accións que permitisen xerar liquidez. E a posibilidade de planificar as obrigas fiscais para atender os pagos ante a Axencia Tributaria. Por outra parte, no ámbito financeiro existe unha medida de busca de financiamento e avais e finalmente, outra medida encamiñada á xestión de cobro e liquidez de accións comerciais.

 

Ademais resolvéronse dúbidas relacionadas cos ERTEs e sobre como debían adaptarse os establecementos ás esixencias que marcaba o novo contexto socioeconómico. 

Imaxes relacionadas