‘Vive Nigrán’ reúne durante tres días de concertos a Iván Ferreiro, Rigoberta Bandini, La Bien Querida e Miguel Ríos co apoio da Xunta

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das industrias Culturais, Jacobo Sutil, participan na presentación deste festival adherido á marca de calidade FEST Galicia

“O cartel do festival é de novo impresionante e conta desta vez con Iván Ferreiro tocando na súa casa, un dos mellores exemplos do talento dos nosos músicos e artistas”, destacou a representante autonómica

A cita musical é unha das 21 beneficiarias da convocatoria deste ano das axudas á organización de eventos musicais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades
 

Nigrán (Pontevedra), 12 de xullo de 2022

Vive Nigrán Picnic Pop Festival celebrará esta fin de semana no campo de fútbol de Monte Lourido, a carón de praia América, tres días de concertos e actividades complementarias cun cartel que encabezan Rigoberta Bandini, La Bien Querida e o cantante galego Iván Ferreiro. O festival ofrece nesta edición unha terceira xornada extra o domingo que protagonizará Miguel Ríos xunto á banda The Black Betty Trio. A cita conta co apoio da Xunta a través dunha dupla vía, ao estar adherida a FEST Galicia, marca para a promoción de Galicia como destino musical de calidade, e por ser un dos 21 festivais beneficiarios da convocatoria anual de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 350.000 euros para contribuír á organización de eventos musicais de carácter profesional e considerados estratéxicos.

 

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron esta mañá na presentación de Vive Nigrán xunto ao seu director, Juan Rivas, e outros representantes de entidades colaboradoras. Fernández-Tapias, na súa intervención, sinalou que “Vive Nigrán logrou consolidarse en tan só cinco anos nun dos festivais de referencia en Galicia, ademais de lembrar que “desde o Goberno galego estaremos sempre ao seu lado para darlles o apoio que necesiten”. 

 

Iván Ferreiro, na súa casa

A representante da Xunta puxo en valor un cartel que definiu como “impresionante” ao tempo que felicitou a organización por “manter a esencia dos festival nos peores momentos” e por contar na edición deste 2022 “cun dos mellores exemplos do talento dos nosos músicos e artistas”.

“Iván Ferreiro tiña que estar sen dúbida aquí, na súa casa, nunha tarde de xullo, moi preto desa praia que deu a volta ao mundo grazas ao seu xa emblemático tema “Turnedo””, expresou a delegada. 

 

Presenza galega

O programa de Vive Nigrán para esta fin de semana inclúe varios nomes destacados do noso panorama musical. Así o vigués Iván Ferreiro, antigo líder de Los Piratas, será a voz de referencia do venres, unha xornada na que tamén pasarán polo escenario do campo de Monte Lourido os andaluces Colectivo da Silva, a formación xurdida en Madrid Karavana, Grande Amore, alter ego musical do lugués Nuno Pico, e Cool Nenas, colectivo que inclúe a santiaguesa mariagrep, a viguesa Daniela Díaz Costas máis coñecida simplemente como dani — e a canaria Kimberley Tell.

 

O cartel do sábado, que encabezan La Bien Querida e Rigoberta Bandini, complétase co grupo alacantino Niña Polaca, a música das madrileñas do grupo Cariño e a sesión de EME DJ, nome artístico da monfortina Marta Fierro Mantecón. 

 

Vive Nigrán ampliará a edición deste 2022 ao sumar un terceiro día á súa programación, que estará dedicado a Miguel Ríos. O histórico músico, un dos grandes referentes do rock español, ofrecerá un concerto na compaña de The Black Betty Trío. Este recital a maiores enmárcase no chamado Vive Nigrán [+], iniciativa do festival que procura achegarse aos intereses dun público máis veterano e atraelo este ano ao campo de Monte Lourido.

 

Ademais dos concertos, o evento integra dentro da súa oferta de ocio para todas as idades actividades como rutas de kayak e clases de iniciación ao surf nas praias América e de Patos, ou andainas guiadas, como a que xa se desenvolveu a semana pasada a Monteferro.

Imaxes relacionadas