O presidente da Xunta destaca a importancia da colaboración empresarial para impulsar o novo Servizo Público de Emprego co apoio da intelixencia artificial

Salienta que o emprego dun novo sistema de información pioneiro, baseado en analítica avanzada, permitirá mellorar a inserción ao sincronizar en tempo real a oferta de perfís coas necesidades laborais das empresas

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da colaboración do tecido empresarial galego no impulso ao novo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) co apoio da intelixencia artificial, co obxectivo de mellorar a inserción no mercado laboral da Comunidade.

 

“Xuntos estamos máis cerca de resolver os problemas na cobertura de vacantes laborais cos que se están a atopar moitos sectores e empresas”, subliñou, logo de participar na firma do convenio de adhesión da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) á nova ferramenta tecnolóxica do Servizo.

 

Na súa intervención, explicou que se trata dunha ferramenta de analítica “eficaz” para a colocación de persoal, segundo á demanda do mercado laboral galego. Deste xeito, valorou que se atende á vez ás persoas en procura de emprego e ás empresas, identificando, a través da intelixencia artificial e da analítica avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real para axustar a oferta á demanda.

 

O titular do Executivo galego admitiu que chega “no momento xusto” ante a perspectiva dun escenario económico “complexo” e “complicado”. No entanto, valorou a posta en marcha de esta aplicación que considerou que demostra que o Goberno galego non caeu no “inmobilismo”. “Vai ser un éxito porque fai moita falta e pode cambiar as cousas” xa que apuntou que “axustará a oferta á demanda cunha procura eficaz de perfís.

 

Rueda enxalzou que con este sistema de analítica avanzada, que se atopa a piques de ser adxudicado por 5,7 millóns de euros, Galicia situarase na “dianteira” en España na aplicación desta tecnoloxía, ao tempo que sinalou que o software apoiará o labor dos técnicos do Servizo; favorecerá que as empresas atopen traballadores coas competencias que precisen en cada momento; e orientarase á mellora dos índices de colocación no mercado laboral.

 

“Con esta ferramenta estamos máis preto de resolver o problema da procura de vacantes laborais”, remarcou o presidente, quen admitiu que chega “no momento xusto” ante a perspectiva dun escenario económico “complexo” e “complicado”. No entanto, valorou a posta en marcha de esta aplicación que considerou que demostra que o Goberno galego non caeu no “inmobilismo”. “Vai ser un éxito porque fai moita falta e pode cambiar as cousas”, augurou,

 
6 M€ na Axenda Galega de Capacidades para o emprego

Ademais de reivindicar a fórmula de colaboración e adaptación á realidade económica, salientou a transformación do Servizo Público de Emprego de Galicia, que pivota en torno á Axenda Galega de Capacidades para o emprego, e ao que este ano a Xunta está a dedicar 6 millóns. Ao respecto, remarcou que se trata dunha aposta firme pola formación dos traballadores e traballadoras, actualizada a medida que cambian as necesidades do mercado laboral.

 

Entre as metas propostas, incidiu na busca dun Servizo más áxil para responder aos cambios constantes no mercado de traballo, coa incorporación de 136 novos orientadores; máis eficaz á hora de incrementar a inserción, máis adaptado para axustar a oferta dispoñible á demanda, e máis moderno, mediante a dixitalización de todas as oficinas a partir do mes de outubro.

 

Por outra banda, o titular do Executivo autonómico fixo fincapé nos esforzos postos en marcha este ano para incrementar a inserción e a capacitación dos traballadores da man do tecido empresarial, con esforzos como os 14 millóns destinados a formación dual profesional para o emprego a través das Unidades Formativas en Empresas; os 5,7 millóns desembolsados na formación adaptada para 15.500 persoas a través dos convenios asinados con nove clústeres galegos; os 50 millóns desembolsados nas Accións formativas para 12.000 desempregados ou os 80 obradoiros duais, cuxa convocatoria está a piques de resolverse.

 

Finalmente, Rueda puxo en valor o novo exemplo de colaboración público-privada ofrecida co protocolo. “É a mellor receita para enfrontar os retos económicos, potenciar o crecemento e favorecer o emprego de calidade”, sentenciou.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta