A Xunta remata os traballos de mellora da depuradora dos Praceres, que permite un salto de xigante na calidade da auga da ría de Pontevedra ao conseguir eliminar o 90% de contaminantes

Vázquez Mourelle destaca que as obras, cun investimento de 16,5 M€, se centraron na mellora da liña de auga para cumprir os límites de vertido da lexislación europea

A actuación permitiu non só cumprir cos parámetros marcados para o vertido da auga á ría de Pontevedra, senón tamén situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos límites establecidos

A conselleira destaca o esforzo técnico e financeiro da Xunta nesta depuradora, pois a dos Praceres é a única planta das cidades galegas que xestiona o Goberno galego e non o Concello, a quen lle correspondería

Indica que as obras do emisario submarino, cun investimento de 12 M€, acadan o 45%, polo que se porán marcha este ano para optimizar a saída das augas depuradas

Xa está completado o tramo en túnel e estase a executar o edificio da cámara de carga e a facer o acopio da tubaxe da parte mergullada do emisario

As actuacións previstas no Plan de saneamento da ría inclúen tamén o saneamento do río Lameira en Marín, a mellora da Seca e Porto Campelo, en Poio, ou o bombeo de Cocheras, en Pontevedra, sumando un investimento da Xunta de preto de 50 M€
 

 Pontevedra, 12 de xullo de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe o remate da actuación de mellora da depuradora dos Praceres, que permite un salto de xigante na calidade da auga da ría de Pontevedra ao conseguir eliminar de media o 90%  dos contaminantes.

 

Vázquez Mourelle achegouse hoxe á depuradora dos Praceres, onde tivo lugar a recepción das obras e a posta en servizo definitiva da mellora levada a cabo.

 

Salientou que os traballos executados, xunto cos do novo emisario submarino, supoñen un antes e un despois na mellora da calidade das augas da ría, e polo tanto, na forma de protexer a actividade marisqueira, a calidade ambiental e a actividade turística.

As obras acometidas na depuradora, cun investimento de 16,5 millóns de euros, centráronse na mellora da liña de auga co fin de dar cumprimento aos límites de vertido que marca a lexislación europea.

 

Os traballos permitiron, non só cumprir cos parámetros esixidos para o vertido da auga á ría de Pontevedra, senón tamén situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos límites establecidos.

 

A actuación acometida na depuradora de Pontevedra supuxo a remodelación do tratamento secundario, para garantir a correcta depuración dun caudal de 900 l/s de auga. Tamén se ampliou a liña de lodos para ter en conta as novas achegas e se realizaron accións previas que permitiron manter en todo momento activa a depuradora durante as obras.

 

Tras executar as actuacións, houbo unha fase de probas para a súa posta en servizo, que comezou no mes de xullo pasado, cun prazo de 12 meses. Este proceso supuxo un estrito seguimento dos parámetros de auga depurada, que levou ao cumprimento dos chamados criterios de “rendemento e de continuidade”.

 

Co criterio de rendemento realizouse un control analítico intensivo co fin de dispoñer dun total de 12 mostras de auga tratada nun período de 3 semanas no que en 9 delas se cumpren os obxectivos establecidos de auga depurada. Estas mostras comezáronse a facer no mes de setembro pasado e o 24 de febreiro xa se daba por cumprido este criterio de rendemento.

 

O criterio de continuidade permite verificar que os resultados de auga depurada acadados se manteñen no tempo. Para cumprir este criterio exíxese tomar mostras quincenalmente e que o 90% desas mostras cumpran os límites de vertido. Neste caso, cumpriron os límites de vertido o 100% das analíticas realizadas.

 

Ethel Vázquez reiterou que todas as análises realizadas das augas depuradas durante a fase de posta en marcha amosaron unha mellora substancial na eficacia do proceso de depuración tras a mellora executada.

 

Destacou que tamén en canto a nutrientes, fósforo e nitróxeno, se cumpren os obxectivos ambientais da ría, mesmo superándose os establecidos. Así, mentres coas anteriores instalacións os resultados obtidos eran mínimos, agora alcánzase o 50% de eliminación.

 

Puxo en valor o esforzo técnico e financeiro da Xunta, pois a dos Praceres é a única depuradora que xestiona o Goberno galego nas cidades galegas, tendo en conta que é ao Concello de Pontevedra a quen lle correspondería por competencias.

 
Emisario submarino

Por outra parte, a conselleira engadiu á mellora da depuradora outra obra en marcha, a do emisario submarino, cun orzamento de 12 M€ para optimizar a saída das augas depuradas e non afectar nin á actividade extractiva nin ao baño.

 

Apuntou que as obras avanzan a bo ritmo, cun grao de execución actual que supera o 45%, polo que se prevén rematar e poñelas en marcha este mesmo ano, completando un investimento de case 30 M€ na mellora do saneamento da ría de Pontevedra.

 

Trátase dunha obra singular, pola súa complexidade técnica e polo compromiso co sector de desenvolver os traballos sen afectar á produción marisqueira.

 

Nestes momentos xa está completado o tramo en túnel do emisario, cunha lonxitude final de 690 metros, grazas á tuneladora procedente de Alemaña e ao emprego da tecnoloxía ‘direct pipe’, de perforación dirixida, que se desenvolveu de xeito pioneiro en España.

 

Actualmente estase a executar o edificio da cámara de carga e a facer o acopio da tubaxe da parte mergullada do emisario. O obxectivo é que se empecen a soldar os distintos tramos a principios de agosto.

 

Ademais, de xeito paralelo estanse a tramitar todas as autorizacións precisas para proceder á instalación da tubaxe ensamblada.

 

Todas estas actuacións son o resultado do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, que recolle o saneamento do río Lameira en Marín, en fase de adxudicación; o bombeo de Cocheras, en Pontevedra; ou o saneamento da Seca e do Porto Campelo, en Poio, sumando un investimento da Xunta de preto de 50 M€.

 

Esta intervencións están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Imaxes relacionadas