A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a unidade móbil situada en Sanxenxo

O programa de Coidados Porta a Porta da consellería de Política Social beneficiou en tres meses a 10.000 persoas de 150 concellos de Galicia

A través de unidades móbiles ofrécese aos maiores de 55 anos atención gratuíta en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria

Sanxenxo (Pontevedra), 12 de xullo de 2022

A Xunta atendeu a 10.000 persoas de 150 concellos de Galicia desde que hai tres meses retomou o programa de Coidados porta a porta. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, salientou hoxe o éxito desta iniciativa durante unha visita a unidade móbil que, desde o pasado luns ata o vindeiro venres, presta en Sanxenxo atención gratuíta en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria aos maiores de 55 anos.

 

Fabiola García reafirmou o compromiso do Goberno galego de continuar ofrecendo cada vez máis servizos ao carón dos lugares onde viven os maiores porque iso é o que prefiren cando se lles pregunta onde queren ser atendidos. De aí o reforzo de servizos de proximidade como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do que se benefician máis de 24.000 galegos; o Xantar na casa, que leva menús semanais, sans e equilibrados ao fogares de 1.800 persoas; ou o propio programa de Coidados porta a porta, cuxas oito unidades móbiles percorrerán todos os concellos de Galicia, agás as sete cidades.

 

Neste sentido, na provincia de Pontevedra o Coidados porta a porta atendeu a 2700 persoas de 37 concellos. Pola unidade de Sanxenxo xa pasaron 40 veciños e ata o vindeiro venres aínda se pode reservar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 922, ou ben no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xuntal.gal.

Imaxes relacionadas