A Xunta adxudica por case 820.000 € as obras de mellora do saneamento de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume

O obxectivo da actuación é eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, para o que se construirá unha nova estación de bombeo en Ver e nova rede de colectores e impulsión, ademais dunha estación depuradora en Boebre

A Xunta financiará integramente as actuacións e executará as obras, que contan cun prazo de execución de seis meses

Esta actuación súmase ás obras da Xunta para a mellora do saneamento no esteiro do Eume, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, que se desenvolve en distintas fases cun investimento global de 8,6 M€

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio aos municipios para que poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 819.925 € as obras de mellora do sistema de saneamento municipal nos núcleos de Ver e de Boebre.

 

O contrato foi adxudicado á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L e  conta cun prazo de execución de 6 meses.

 

As obras na colaboración da Xunta co Concello de Pontedeume, ao que o Goberno galego presta apoio nas súas competencias de saneamento.

 

O obxectivo da actuación é eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, para o que se prevé construír unha nova estación de bombeo en Ver e unha rede de colectores e impulsión, así como unha nova depuradora de augas residuais no núcleo de Boebre.

 

A administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas á eliminación dos vertidos incontrolados ao medio procedentes dos núcleos de Ver e de Boebre.  Augas de Galicia asume a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

 

Pola súa banda, o Concello de Pontedeume, como titular das competencias en materia de saneamento, asume a posta á disposición dos terreos necesarios. Tamén e a obriga de conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, así como a recibir as obras, o seu mantemento e conservación.

 

As obras serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

Obxectivos do contrato

As augas residuais xeradas na aglomeración de Ver desembocan directamente na praia mediante unha condución de vertido ao mar, en condicións deficientes e sen ningún tipo de tratamento previo. Así mesmo, a aglomeración de Boebre dispón dun sistema de saneamento que dirixe as súas augas cara a unha fosa de formigón, situada próxima á zona de Punta Camoucedo, cuxo obxectivo é realizar un tratamento primario ás augas residuais antes do seu vertido ao mar.

 

A solución adoptada para a aglomeración de Ver trata de incorporar este núcleo de poboación ao sistema de saneamento da depuradora de Pontedeume. Así, o proxecto redactado pola entidade hidráulica da Xunta inclúe a implantación dun pozo de bombeo que impulse as augas residuais xeradas cara a estación depuradora de augas residuais de Pontedeume. Para iso estas augas serán rebombeadas nos pozos de bombeo de Vizús e de Centroña, polo que se renovarán estes bombeos, para que se adapten á xestión dos novos caudais xerados na rede. 

 

No núcleo de Boebre está prevista a execución dunha estación depuradora de augas residuais cunha capacidade de 50 habitantes equivalentes. As obras contratadas prevén na situación da fosa séptica existente a implantación dun sistema de tratamento in situ consistente nun pretratamento e un tratamento primario e un tratamento secundario de leitos bacterianos. O vertido ao medio realizarase mediante un pozo filtrante.

 

Con estas actuacións da Xunta prevese dar servizo a unha poboación máxima na época estival de 1.967 habitantes equivalente no ano horizonte 2042.

 

Esta actuación vense sumar ás obras de mellora do saneamento entorno ao esteiro do Eume, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, que desenvolve a Xunta en distintas fases cun investimento global de arredor de 8,6 M€.

 

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento da súa competencia e para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.