O Goberno galego está a investir máis de 900.000 € nesta obra de emerxencia que consiste na construción dunha nova vía de 740 metros

A Xunta porá en servizo este mes de xullo o acceso provisional a Folgoso do Courel, alternativa ao treito cortado da estrada LU-651

Trátase dunha solución a curto prazo para garantir o paso do tráfico, tamén para vehículos pesados

Mediante esta alternativa facilítanse as comunicacións dos veciños e visitantes, que agora circulan pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón

A Xunta tamén segue progresando na definición do proxecto da restitución definitiva da LU-651, cortada ao tráfico entre Quiroga e Folgoso por mor do desprendemento rexistrado na zona Santa Eufemia

O Goberno galego actuou desde o primeiro momento traballando na declaración de emerxencia desta obra para poder executala coa máxima axilidade posible e cunha solución rápida e segura
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

A Xunta porá en servizo este mes de xullo o acceso provisional a Folgoso do Courel que ofrecerá unha alternativa de tráfico ao treito cortado da estrada LU-651.

 

O Goberno galego está a investir 917.000 na construción dunha vía provisional que ten por finalidade ofrecer aos veciños e visitantes unha solución a curto prazo para facilitar a conectividade de Folgoso do Courel e o acceso a este municipio desde Quiroga.

 

O novo acceso ten unha lonxitude de 740 metros e fai posible garantir o tráfico, tamén para vehículos pesados, tanto de camións como de autobuses, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.

 

Esta vía facilitará desde este mes de xullo a mobilidade e a comunicación dos veciños de Folgoso do Courel, que agora deben circular pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón, que non ofrece a funcionalidade suficiente.

 

Paralelamente á culminación desta obra de emerxencia de construción dunha vía provisional, o departamento de Infraestruturas da Xunta ultima os traballos para a definición da mellor alternativa para a restitución definitiva do treito da LU-651 que permanece cortado ao tráfico entre Quiroga e Folgoso por mor do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.