A Xunta licita por 441.000 euros obras de mellora da eficiencia enerxética no IES Río Cabe de Monforte de Lemos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro 29 de xullo

Monforte de Lemos (Lugo), 11 de xullode 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidadesvén de licitar por 441.237 euros obras de mellora da eficiencia enerxética no Instituto de Educación Secundaria (IES) Río Cabe de Monforte de Lemos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro para abordar con membros da directiva os detalles do proxecto, que se centra na substitución de toda a carpintería exterior -salvo algunhas ventás do segundo andar que xa foran renovadas recentemente – por outra con maiores prestacións de estanquidade que incorporarán perfís de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro illante. Ademais, renovaranse as persianas.

No tocante á fachada, actuarase na parte superior das carpinterías que se mudan, coa instalación de illamento termo-acústico. Así mesmo, procederase a pintar os paramentos verticais que se vexan afectados polas obras.

As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o próximo 29 de xullo. Unha vez que se formalice o contrato, o prazo estimado de execución dos traballos será de tres meses.

Arias salientou que promover unhas infraestruturasmáis sostibles desde o punto de vista medioambiental é un dos criterios marcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que aposta por uns colexios e institutos mellor acondicionados e máis confortables para o alumnado e o profesorado.

Tamén subliñou o compromiso da Xunta cos centros educativos de Monforte de Lemos e destacou as actuacións máis recentes, como a reforma e ampliación do IES A Pinguela, na que se investiron 230.000 euros -; ou a rehabilitación integral do Centro de Educación Especial (CEE) Infanta Elena, cun orzamento aproximado de 900.000 euros. Ambas obras finalizaron o ano pasado.

Imaxes relacionadas