A Xunta salienta as achegas da unidade mixta de Aimen e Navantia para a construción das fragatas F-110

Esta Unidade Mixta botou a andar en 2018 co apoio da Xunta para investigar no ámbito dos novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada de buques

Conde adianta que a nova convocatoria de Unidades Mixtas inclúe como novidade a creación de Centros Mixtos de Investigación
 

Ferrol, 11 de xullo de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe que o traballo realizado por Navantia e Aimen ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación Nautilus é unha valiosa achega para o reto que supón a construción das F-110, que son as fragatas tecnoloxicamente máis avanzadas da súa clase.

 

Conde participou hoxe no acto de clausura desta Unidade Mixta que se iniciou en 2018 co apoio da Xunta para investigar no ámbito dos novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada de buques. Alí, o vicepresidente económico puxo de manifesto que hoxe en día non se entende o futuro do sector naval se non é a través da dixitalización e da innovación.

 

Segundo avanzou, o peche desta Unidade Mixta significa un punto e seguido porque este ano a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, xa convocou unha nova edición deste programa coa previsión de chegar a mobilizar 30M€. Unha edición que inclúe como novidade unha nova liña de axudas para a creación de centros mixtos de investigación, coa que seguir dando apoio ao traballo que se vén facendo en ámbitos como o estaleiro do futuro e o xemelgo dixital. En total, no marco deste programa, lévanse posto en marcha 46 Unidades Mixtas nas que participan 33 empresas, entre pemes e compañías tractoras.

 

A Xunta avoga por manter a fórmula da colaboración público-privada e por xerar un ecosistema de coñecemento arredor da industria naval para identificar os proxectos que Galicia vai presentar ao Perte do sector; que ten ante si un horizonte de oportunidades para reivindicar a súa capacidade de liderado.

Imaxes relacionadas