A Xunta aproba o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada AC-524, no concello de Frades

Actuarase na marxe esquerda da vía autonómica, dando continuidade á senda xa existente na travesía de Abellá, reforzando a seguridade e favorecendo a mobilidade
 

Conectarase o núcleo rural de Pibideira cos núcleos do Pazo e Sobre dos Campos
 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro, cómodo e sustentable
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de construción da nova senda na estrada autonómica AC-524, no concello de Frades.

A Xunta executará un itinerario peonil e ciclista co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible e os desprazamentos a pé, á par que se mellora a seguridade viaria dos peóns, cun investimento autonómico superior aos 242.000 euros.
 
O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://cutt.ly/rLzo5oW.
 
Máis en concreto, actuarase na marxe esquerda da estrada autonómica AC-524, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590, de xeito que se dará continuidade á senda xa existente na travesía de Abellá.
 
A nova senda, que terá 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos.

A sección tipo neste treito da estrada constará de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terriza e gabia transitable de 1,20 metros.

Nesta intervención, as obras de pavimentación terán en conta os accesos a propiedades privadas, que serán en formigón coloreado con mallazo e de cor terra natural, empregándose nas zonas de cruce con outras vías pavimento táctil de cor e textura diferente, indicador de advertencia ou proximidade. Nos pasos de peóns colocarase pavimento táctil direccional.
 
As obras incluirán a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición daqueles servizos afectados pola intervención, incluíndose a recolocación dos sinais verticais e colocación de captafaros. Tamén se prevé a preinstalación do alumeado público.
 
Con estas actuacións, a Xunta dá resposta a unha actuación demandada polo Concello, que busca fomentar a mobilidade sustentable nesa contorna, con vivendas situadas nas marxes da estrada, para favorecer os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorar a seguridade viaria dos peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé convocar o levantamento de actas previas no segundo semestre de 2022 e licitar, a continuación, as obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para facilitar os desprazamentos a pé de modo máis seguro, cómodo e sustentable.