A Xunta e o concello de Betanzos colaborarán coa renovación da cuberta do patio do CEIP Francisco Vales Villamarín

A actuación contempla a reparación de toda a cuberta, a eliminación do amianto e a reposición de todas as baixantes e canlóns

Betanzos (A Coruña), 11 de xullo de 2022.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuníuse, esta mañá, co director do CEIP Francisco Vales Villamarín, Alejandro Sánchez, e coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, para trasladarlle a  vontade da Xunta de colaborar para renovar a cuberta do patio do CEIP Francisco Villamarín, deteriorada tras a ruptura dun canlón o que provocou que empezase a entrar auga polo que tivo que pecharse, coincidindo co remate do curso.

 

Trenor destacou a necesidade de que se leve a cabo a obra neste centro para poder abrir este espazo ao comezo do curso polo que acordouse levar a cabo esta actuación de forma conxunta entre as dúas administracións para renovar toda a cuberta, retirar o amianto e repoñer todas as baixantes e os canlóns.

 

O representante do Goberno autonómico recalcou que, con esta colaboración, froito do Pacto Local en materia educativa, as obras poderán acometerse de xeito inmediato para que poidan estar rematadas en prazo. Trenor subliñou que con este acordo se poderá  poñer a disposición dos alumnos e das familias o patio cuberto deste centro educativo o antes posible.

 

Imaxes relacionadas