Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do colexio Antonio Orza Couto, en Boqueixón, cun investimento de máis de 800.000 €

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o centro, que será obxecto dunha ambiciosa actuación que suporá un aforro enerxético de preto do 50% do consumo de enerxía e de emisións

Lembra que esta actuación enmárcase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta que ten como obxectivo a reforma e deseño de centros educativos máis innovadores, sostibles e confortables
 

Boqueixón (A Coruña), 11 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do colexio CPI Antonio Orza Couto, que suporá un investimento de case 829.000€. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro, onde deu conta dos pormenores da actuación que se acaba de licitar.

Segundo explicou o conselleiro, unha vez completados os trámites administrativos, a previsión é que os traballos -que terán unha duración de cinco meses- comecen cara a finais de ano.

Tamén avanzou que a intervención vai ter dúas partes diferenciadas que abranguerán os edificios de Educación Infantil, de Educación Primaria e de comedor. Por unha banda, vaise acometer unha rehabilitación enerxética que incluirá o illamento térmico da fachada mediante sistema SATE nos tres edificios, a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e a colocación de novos falsos teitos.

Ademais, no caso concreto do edificio de Primaria renovaranse as ventás por carpintería de aluminio e vidro dobre no comedor e nalgunhas zonas comúns; instalarase unha cuberta de panel sándwich con illamento de 300mm; substituiranse as baixantes e canlóns, e aplicarase illamento do baixo cuberta con lá de roca.

A intervención enerxética completarase con outras actuacións de menor entidade como a mellora da sinalización ou a actuación na pérgola, entre outros.

“Todas estas medidas combinadas -sinalou o conselleiro- van supoñer un aforro enerxético anual no edificio de Primaria de preto do 50% canto a consumo de enerxía e tamén en emisións de CO2, mentres que no edificio de Infantil estes aforros van andar no entorno ao 34% aproximadamente”.

Isto, segundo explicou o titular de Educación, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”.

Imaxes relacionadas