A Xunta anima aos produtores galegos a apostar polas figuras da Lei de recuperación para optar aos dereitos da axuda básica á renda da reserva nacional na nova PAC

A instancias do Goberno galego, o borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar dereitos á reserva nacional superficies acollidas a ferramentas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais

Isto contribuiría á diminución do déficit en dereitos de pago que vén afectando a Galicia, xa que contamos con máis hectáreas de superficie agraria útil aproveitada que con dereitos de pago que permitan percibir axudas directas por esa superficie
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022 A Xunta anima aos agricultores e gandeiros galegos a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria co gallo de optar á axuda básica á renda da reserva nacional da Política Agraria Común (PAC) do próximo período 2023-2027. A instancias precisamente do Goberno galego, o borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar estes dereitos superficies acollidas a ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

 

Cabe apuntar que estes dereitos de axuda básica á renda da reserva nacional substituirán no novo período da PAC aos actuais dereitos de pagamento básico, permitindo aos beneficiarios percibir a axuda básica á renda para a sustentabilidade e, no seu caso, as axudas complementarias redistributivas e para mozas e mozos. Para poder recibir estas axudas directas, cada dereito deberá xustificarse con 1 hectárea subvencionable, é dicir, con 1 ha de superficie agraria da explotación.

 

Galicia vén sendo deficitaria en dereitos de pago, tanto no período de pagamento único 2007-2014 como no de pagamento básico de 2015-2022. Isto quere dicir que contamos con máis hectáreas de superficie agraria útil aproveitada polas explotacións galegas que con dereitos de pago que permitan percibir axudas directas por esa superficie.

 

Porén, no borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda, grazas ás observacións feitas dende a Xunta, está prevista para o novo período da PAC unha ferramenta que contribuiría á diminución do referido déficit. Así, co obxecto de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións se atopen acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de Lei para ese fin, tales como bancos de terras ou instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas.

 

Deste xeito, está previsto que poidan recibir dereitos da reserva nacional as explotacións galegas incluídas nalgunha das figuras da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, así como as que dispoñan de hectáreas subvencionables en réxime de arrendamento mediante o Banco de Terras de Galicia, unha razón máis para que os gandeiros e agricultores aposten por estas iniciativas.