O director da Axencia Galega da Industria Forestal inaugurou esta semana a xornada de dixitalización da xestión das empresas do sector forestal organizada por LugoMadera

A Xunta avanza que impulsará a dixitalización das empresas do sector forestal de Galicia

Jacobo Aboal manifestou a importancia da transición dixital para dar unha resposta axeitada ao papel que a madeira vai ter nos seguintes anos


 Sinalou que -nos vindeiros meses- a Axencia Galega da Industria Forestal convocará unha orde de axudas para apoiar a aquelas empresas do sector que decidan dixitalizarse
 

 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022 O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurou esta semana a xornada de dixitalización da xestión das empresas do sector forestal organizada pola asociación LugoMadera. Alí, agradeceu o traballo da entidade e puxo de relevo a importancia da dixitalización, apuntando que “a súa transición é obrigada cara a unha necesaria eficiencia e automatización nos trámites administrativos” e, por iso, a Axencia ten prevista unha próxima convocatoria de axudas neste sentido.

 

No seu relatorio, o director lembrou que en Galicia se fai o aproveitamento de preto de 80.000 referencias catastrais cada ano, supoñendo preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira. Engadiu que a loxística no aproveitamento destas pequenas parcelas, a venda, transporte e facturación, así como os trámites de solicitudes administrativas previas, supoñen unha intensa xestión que os procesos de dixitalización poden resolver. Nesa liña, Jacobo Aboal afirmou que “a informática non pode ser un fin en si mesmo, debe ser unha ferramenta para ser máis eficientes e poder dedicar máis recursos e tempo na acción empresarial”.

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal lembrou que a Consellería do Medio Rural lanzou hai tres anos unha Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) moi intensa e que como consecuencia dela actualmente todas as solicitudes de aproveitamentos forestais están dixitalizadas. Asemade, as poxas de madeira en montes xestionados pola Xunta son 100% electrónicas e, incluso, xa existen empresas forestais en Galicia consumindo os servizos web fornecidos pola Consellería do Medio Rural, de xeito que a presentación das solicitudes de corta de madeira ou das prórrogas son enviadas automaticamente polos propios programas informáticos, sen ser necesaria a acción humana.

 

Finalmente, avanzou que se está rematando a tramitación dunha orde bianualizada dirixida ao impulso de proxectos de ecoinnovación e dixitalización que axudará ás empresas do sector forestal de Galicia a realizar esta necesaria transición dixital.


 
 
Xuntanza de traballo

Ao longo da xornada, o director da Axencia aproveitou para ter unha xuntanza de traballo coa asociación LugoMadera, na que se repasaron as principais cuestións que preocupan aos socios de dita entidade, a cal aglutina máis de 270 empresas da primeira transformación da madeira.

 

Ambas partes acordaron traballar xuntos en asuntos como a difusión do desenvolvemento dixital de notificacións de aproveitamentos de madeira (Notifor), desenvolvida pola Asociación para dar un servizo de comunicación e xestión aos concellos de Galicia. Tamén se abordaron cuestións en materia de trazabilidade ou de prevención de riscos laborais nas empresas do sector.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural