A Xunta inviste preto de 1 M€ en incorporar aos centros de I+D+i da Axencia Galega da Calidade Alimentaria un total de 23 profesionais no marco do programa Investigo

Estes traballadores desenvolverán funcións de reforzo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía


Os contratos de traballo son dunha duración dun ano e enmárcanse dentro do Programa Investigo da Xunta, destinado á promoción do emprego xuvenil no marco de iniciativas de investigación e innovación
 

 Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria dependente da Consellería do Medio Rural, incorporou aos seus centros de I+D+i un total de 23 novos profesionais, en diferentes roles de traballo. Estas contratacións, que supoñen un investimento de preto de 1 millón de euros, enmárcanse no Programa Investigo, destinado á promoción do emprego xuvenil no marco de iniciativas de investigación e innovación e dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

As novas incorporacións desempeñan no sistema de investigación público unha serie de roles individuais. Así, oito dos profesionais contratados son tecnólogos, outros sete oficiais de primeira, catro traballan coma investigadores, outros dous coma técnicos de laboratorio e, finalmente, hai un auxiliar de laboratorio e outro administrativo.

No relativo ás instalacións asignadas, a maioría das contratacións reforzan o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que incorpora 11 novos profesionais, un deles destinado á Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño en Salceda de Caselas. O resto de traballadores foron asignados ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán -que amplía en oito persoas o seu listado de empregados- e á Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia, que recibe aos catro profesionais restantes (tres en Leiro e o cuarto en Ribadumia).

Estes 23 novos contratos de traballo terán unha duración mínima dun ano, e forman parte das axudas impulsadas pola Xunta mediante o seu Programa Investigo. Con este proxecto, o Goberno galego pretende axudar a que aumente a contratación de profesionais menores de 30 anos no eido da investigación en I+D+i en centros de investigación públicos, así coma en centros de I+D+i, empresas, universidades e centros sanitarios tanto públicos coma privados radicados en Galicia.

Os profesionais incorpóranse así ao mundo laboral tras solicitar a súa inclusión no programa segundo as bases da convocatoria e ser seleccionados polas propias entidades a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Imaxes relacionadas