Aberta a convocatoria de axudas destinada á creación e integración de novos centros de investigación empresarial en Galicia

Este plan de axudas da Xunta, pioneiro na Comunidade, contribuirá a manter a pegada industrial existente e atraer novas empresas e investimentos, coa previsión de mobilizar 20 millóns de euros e crear 45 postos de alta cualificación

Dotada con 10 millóns de euros, a finalidade da convocatoria é completar as capacidades do sistema de innovación galego

O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 5 de agosto

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria da nova bolsa de axudas por 10 millóns de euros destinada á creación e integración de novos centros de investigación empresarial que complementen a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia. Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende fortalecer as capacidades industriais a través do coñecemento e o desenvolvemento de tecnoloxías. Esta convocatoria, pioneira en Galicia, contribuirá a manter a pegada industrial existente na Comunidade, así como atraer investimentos que permitan poñer en marcha novos proxectos empresariais. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 5 de agosto.

O programa, que se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2027, ten dous obxectivos: lograr un ecosistema galego de maior dimensión e integrado que sexa quen de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade; así como seguir avanzando nun modelo colaborativo de I+D. Prevese seleccionar tres proxectos cun investimento público-privado de máis de 20 millóns de euros e calcúlase que se poidan crear 45 empregos de alta cualificación.

A convocatoria deseñouse tras a manifestación de interese lanzada en 2021 pola Axencia Galega de Innovación (Gain). Esta consulta buscaba coñecer a demanda e necesidades das empresas para establecer en Galicia os seus centros de investigación e toma de decisións en materia de I+D. Froito deste proceso participativo, recibíronse sete propostas que foron examinadas para definir a convocatoria.

Os beneficiarios deberán ser empresas con sede ou centro de traballo en Galicia e que pretendan crear un novo centro ou infraestrutura de investigación que terá que estar fisicamente na Comunidade. Debe tratarse dunha nova liña de actividade para a empresa e o compromiso é que se manteña en funcionamento un mínimo de cinco anos. Ademais, terá que crear 10 novas contratacións de persoal investigador. As infraestruturas que se poñan en marcha estarán abertas a varios usuarios e axentes do ecosistema de I+D.

O orzamento de cada proxecto situarase entre os tres e os 20 millóns de euros e a axuda será dun máximo de 5. Os custos que se apoiarán van desde a adquisición de terreos, á obra civil necesaria, reformas, adquisición de edificios ou construcións ou bens de equipo, entre outros. No caso do persoal investigador de nova contratación só recibirá axudas se se superan os 10 contratos mínimos exixibles na convocatoria.

O proceso será de concorrencia competitiva polo que entre os criterios de selección teranse en conta aspectos como o impacto en Galicia e na produción científico-investigadora, os obxectivos e actividades que se leven no centro ou a capacidade e solvencia da empresa promotora.

Con esta nova liña de axudas, pioneira en Galicia e da que só existe en España unha de similares características no País Vasco, a Xunta aspira a seguir reforzando a I+D+i empresarial galega e dar continuidade a outros programas como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación. Entre estes dous programas e a nova convocatoria de centros de investigación, chegaranse aos máis de 70 proxectos apoiados con 120 millóns de euros en axudas e superándose os 400 millóns de investimento mobilizado a través da colaboración público-privada.

Imaxes relacionadas