A Xunta financia con máis de 5,4 M€ unha trintena de proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo por ONGD e outros axentes
A resolución da convocatoria de axudas deste ano apoia iniciativas no Salvador, República Dominicana, Guatemala, Bolivia, Nicaragua, Honduras, Perú, Ecuador, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau e India
A Xunta destinará máis de 5,4 millóns de euros para financiar unha trintena de proxectos de cooperación para o desenvolvemento exterior, 26 deles por parte de ONGD e os 5 restantes por outros axentes de cooperación.
Dos proxectos beneficiarios, 6 corresponden a agrupación de entidades, e todos eles, salvo un na India, executaranse nos países prioritarios da Cooperación Galega consonte o IV Plan Director da Cooperación Galega: 6 en Guatemala, 4 en Nicaragua, 4 en Honduras, 4 en Bolivia, 3 na República Dominicana, 2 no Perú, 2 no Ecuador, 2 en Mozambique, e 1 no Salvador, Cabo Verde e Guinea Bissau.
As entidades beneficiarias desta orde -nalgúns casos colaborando en proxectos conxuntos- son as organizacións non gobernamentais Asamblea de Cooperación pola Paz, AGARESO, Fundación Balms para a Infancia, Arquitectura Sen Fronteiras, Asociación Promoción e Desenvolvemento (Proyde), Fundación InterRed, Fundación Entreculturas Fe e Alegría, Mans Unidas, Asociación Movemento pola Paz, Desarme e a Liberdade, Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (Cartolab) da Universidade da Coruña, Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), Fundación Educación e Cooperación (Educo), Fundación Taller de Solidariedade, Fundación Fabre, Fundación Axuda en Acción, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación para o Desenvolvemento e Solidariedade Galega, Fundación Vicente Ferrer, Asociación Amigos da Terra, Asociación Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz (SODePAZ), Fundación CUME para o Desenvolvemento de Culturas e Pobos e Fundación Terra de Homes.
A Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega e mantén así o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia.