Galicia Calidade promociona os produtos certificados no Pantín Classic Surf en Valdoviño

O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitou hoxe o mostrador promocinal da marca de garantía

Valdoviño (A Coruña), 9 de xullo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, en compañía da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Valdoviño o mostrador promocional co que a marca de garantía Galicia Calidade está a achegar aos visitantes a calidade dos produtos e servizos certificados no Pantín Classic Surf. Participaron no acto de presentación do 35 aniversario deste campionato.

O director puxo de manifesto a importancia do apoio da Xunta de Galicia a este tipo de eventos de magnitude internacional que permiten situar Galicia como referente do turismo deportivo e que, como valor engadido, axuda a posicionar os produtos de Galicia Calidade no mapa.

Os asistentes ao Abanca Pantín Classic Galicia Surf poderán coñecer de primeira man todos os produtos e servizos certificados. Ademais, os que se acheguen ao mostrador de Galicia Calidade poderán participar en sorteos de noites de aloxamento, menús degustación e produtos certificados polo selo de garantía.  Desta forma, Galicia Calidade continúa coa súa estratexia de apoio ao deporte e a eventos de proxección internacional.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 600 produtos e servizos certificados dun total de 140 empresas. Poden consultar máis información na web galiciacalidade.gal

Imaxes relacionadas