A Xunta reafirma o seu compromiso co rural galego no Foro Voz de iniciativas rurais de Ponteceso

José González destacou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como base para pór en valor terreos infrautilizados ou en estado de desuso
 

O conselleiro salientou tamén ferramentas coma a futura Lei da calidade alimentaria para impulsar e facer destacar os produtos autóctonos
 

Así mesmo, o titular de Medio Rural tamén acreditou o labor dos grupos de desenvolvemento rural de cara á dinamización e xeración de riqueza
 

Ponteceso (A Coruña), 9 de xullo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado a localidade de Ponteceso para inaugurar o Foro Voz de iniciativas rurais, organizado por La Voz de Galicia e a Fundación Eduardo Pondal en colaboración coa Fundación Juana de Vega. Alí, González trasladou o compromiso da Xunta co rural galego, así coma as diferentes iniciativas e lexislacións feitas en prol do impulso deste eido.

O conselleiro ensalzou o éxito dos diferentes proxectos levados a cabo na Costa da Morte en prol do agro, e a súa relación cos postos en marcha pola Consellería do Medio Rural. Así, destacou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, mediante a cal a Xunta impulsa figuras de posta en valor como as agrupacións de xestión conxunta, os polígonos agroforestais (hai 10 aprobados e trabállase nas primeiras fases doutros cinco), e as aldeas modelo (19 xa declaradas), que pretenden reverter o despoboamento do rural á vez que se lle dá utilidade a estes terreos.

Así mesmo, o titular de Medio Rural destacou a futura Lei da Calidade Alimentaria, que pretende darlle un empuxe aos produtos galegos e diferencialos do resto en calidade, singularidade e diferenciación. Nesta liña, González tamén quixo facer referencia aos 36 selos de calidade diferenciada cos que a Xunta busca promover os mellores alimentos galegos fronte aos do resto do mercado.
 
Neste sentido, o Conselleiro do Medio Rural fixo fincapé en que unha das claves á hora de asegurar a mellora e impulso do rural é que haxa persoas activas no desenvolvemento rural.
 
Neste caso, destacou a importancia da actividade dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), de cara a fomentar o emprendemento no rural e o seu desenvolvemento. Por iso, Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en asegurar a súa continuidade cun investimento de 10,5 millóns de euros. Así, referiuse tamén á lexislación europea, que xoga un papel crucial neste campo mediante o programa Leader para asegurar a colaboración cidadá na mellora do rural.
 
González concluíu a súa intervención agradecendo o seu labor ás fundacións Pondal e Juana de Vega pola súa contribución, no propio foro e en diferentes proxectos que promove a Xunta. Todos eles co obxectivo de colaborar cos profesionais dos diferentes sectores e coa sociedade galega para mellorar o presente e asegurar o mellor futuro posible para o rural galego.

Imaxes relacionadas