A Xunta activa o luns reforzos nas liñas de autobús entre Portomouro e Santiago para mellorar o servizo de transporte público ás parroquias do norte de Ames

O Goberno Galego crea un novo servizo ás 13,00 horas de Santiago a Portomouro, atendendo a solicitude do Concello de Ames

O itinerario da liña que conecta Santa Comba, Ames e Santiago incluirá paradas en Vilouta, Covas, San Mamede de Piñeiro, Portomouro, Ventosa e Pedras

Increméntase un servizo na franxa de primeira hora da mañá, o que permitirá, cos que xa había, dispoñer de 3 expedicións cara a Santiago antes das 10,00 horas todo o ano

En época lectiva axustaranse os horarios para optimizar o funcionamento dos servizos
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022.-

A Xunta activa desde este luns reforzos nas liñas de autobús entre Portomouro, no concello de Val do Dubra, e Santiago de Compostela, para mellorar a prestación do servizo ás parroquias do norte de Ames.

 

As melloras deseñadas reforzan as frecuencias nos momentos nos que se realizan máis desprazamentos e incrementan as paradas dispoñibles para os cidadáns.

 

Como novidade incorpórase un servizo ás 13,00 horas desde Santiago de Compostela a Portomouro, que funcionará de luns a venres durante todo o ano, atendendo a solicitude trasladada polo Concello de Ames.

 

O itinerario da liña que conecta Santa Comba, Ames e Santiago de Compostela, que a día de hoxe ofrece dous servizos os días laborables con chegada á cidade ás 08,00 horas e saída ás 19,00 horas, incluirá paradas en Vilouta, Covas, San Mamede de Piñeiro, Portomouro, Ventosa e Pedras.

 

A partir do luns incrementarase un servizo na franxa de primeira hora da mañá, o que permitirá á cidadanía destas localidades, xunto ás que xa había, dispoñer de 3 expedicións para desprazarse a Santiago de Compostela antes das 10,00 horas durante todo o ano.

 

En época lectiva, a chegada á cidade ás 08,00 horas supón para Portomouro e as parroquias do norte de Ames ampliar a cobertura horaria dos autobuses que conectan con Santiago de Compostela pola mañá, podendo chegar media hora máis cedo respecto dos horarios cos que contaban ata o momento.

 

Tamén nesta tempada se axustan os horarios ao longo do día para optimizar o funcionamento xeral dos servizos.

 

Toda a información dos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.